Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística: “As desculpas retóricas non solucionan o problema: o Estado ampara un descoñecemento que vulnera o dereito fundamental a sermos atendidos na nosa lingua”.
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer pública a resposta da Garda Civil á denuncia dun caso de discriminación lingüística no cuartel de Gondomar denunciado este mes de agosto. O instituto armado español pede desculpas por non atender unha consulta feita en galego por un veciño de Gondomar. Un paso quedá após a queixa presentada por Xosé Luís A. cando axentes lle ordenaron en varias ocasións que empregase o español e non o galego. O cidadán negouse a mudar de lingua, e dado que o axente non lle permitiu resolver o seu caso por teléfono, Xosé Luís presentouse no cuartel da Garda Civil de Gondomar onde tanto o comandante como a persoa que o atendera por teléfono dixéronlle que tiña que falar en español, e pedíronlle que non lles falase en galego.Ao se ver discriminado “polo simple feito de falar en galego, o veciño de Gondomar presentou un escrito no cuartel da Garda Civil e púxose en contacto coa Mesa pola Normalización Lingüística, quen tramitou as pertinentes queixas perante a Valedora do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística denunciando estes feitos”.
En resposta á queixa desde a comandancia provincial “xustificaron a incompetencia lingüística do axente na súa orixe foránea, porén desculpáronse polo sucedido recoñecendo os dereitos vulnerados do cidadán” e a obriga de todos os axentes a respectar a lingua de Galiza: “Non obstante, como responsable da Garda Civil na provincia da Pontevedra é o meu deber desculparme polo sucedido, xa que Vostede ten o dereito de usa-la lingua oficial desta Comunidade Autónoma e os axentes teñen a obriga de realiza-las xestións necesarias para poder atendelo.”, sinala o tenente coronel na súa resposta.
Porén, malia se recoñecer a discriminación e vulneración de dereitos do cidadán, o caso non terá ningún tipo de consecuencia para os axentes implicados. Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, malia ser positivo que a garda civil pida desculpas e recoñeza formalmente os dereitos dos galegos a usarmos o noso idioma, non é de recibo que este tipo de discriminacións fiquen impunes
“Agredir dereitos fundamentais da cidadanía non debería saír de balde, e menos se a agresión provén das forzas de seguridade” sinalou o presidente da entidade en defensa da lingua. “O Estado debe tomar medidas a comezar por deixar de amparar o descoñecemento da lingua propia, que como se comproba en casos coma este, só serve para vulnerar dereitos fundamentais da cidadanía”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario