luns, 14 de setembro de 2015

Un de cada tres profesores en Galiza é obrigado a impartir materias que non lle son propias

CONSECUENCIAS DA POLÍTICA EDUCATIVA DA XUNTA
 
O curso escolar inicia cos protestos e denuncias da comunidade escolar sobre as eivas e deficiencias do ensino no noso país. Máis de 300 centros carecen do profesorado necesario e o 35% dos docentes en Secundaria terá que dar aulas de materias nas que non son especialistas.

O dez de setembro comezou o curso escolar. En apenas días xa houbo varias concentracións de pais e nais (A Illa de Arousa ou Vite -Compostela-, por poñer só dous  exemplos), así como denuncias de Anpas e sindicatos sobre carencias e deficiencias materiais e humanas no ensino en Galiza. De aí que, este 16 de setembro, haxa convocada unha mobilización da Plataforma galega en defensa do ensino público contra os recortes.
Máis de 300 centros escolares galegos veñen de rearbrir as súas aulas sen a dotación de profesorado necesario. En máis de 200 unidades supérase o número de alunado por aula que establece a rateo. Feitos que foron denunciados esta semana pola Plataforma. O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, foi contundente: “Incumpren a lei que eles mesmos aproban, minguando a calidade e negando unha atención educativa adecuada ao alunado con necesidades educativas especiais”.
En só cinco anos suprimíronse 4.000 prazas de docentes en Galiza, unha tesoirada sen parangón. Non é o único 'ataque' do que foi albo o profesorado. “Continúa cos seus salarios e pagas extras recortadas e soportando tarefas que non lle corresponden, entre elas, as burocráticas derivadas da falta de persoal administrativo nos centros”. Aliás, en Primaria adxudicoúselles destino provisional a 2.797 mestres e mestras, dos e das que o 15 % son  itinerantes (un 22% máis que o curso pasado), o 8% suprimidos ou desprazados (un 39% máis), o 12% imparte afíns (un 62% máis) e o 42% é persoal interino. Na adxudicación provisional do profesorado de secundaria, das  3.894 prazas adxudicadas, 1.003 son con materias afíns. Un 35% do profesorado terá que impartir materias das que  non é especialista, nalgúns casos até 5 diferentes.
Esta situación implica unha consecuencia clara: a merma da calidade do ensino público, un detrimento que, como denuncian familias e docentes, vai en beneficio do privado. Un eido (o ensino privado e concertado) ao que a Xunta destinou máis de mil millóns de euros nestes catro anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario