Concentrouse diante de Educación para denunciar os recortes.
Falta de profesorado, masificación nas
aulas, falta de medios e caos educativo derivado pola aplicación da
LOMCE en Galiza -que provocou que as materias e horarios non foran
coñecidos até o comezo de curso- son algunhas das razóns que levaron a
Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público a concentrarse esta mañá
diante da Consellaría de Educación. Unha concentración á que se sumaron
nais, pais e alumnado de centros como o CPI de O Pino ou do CEIP de
Vite, na que se alertou do avance da privatización do ensino público e a
cada vez maior desgaleguización e confesionalidade do sistema educativo
galego.
Así o denunciou o
portavoz da plataforma e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, que
asegurou que os propios currículos que agora se impoñen mediante a LOMCE foron
rexeitados, no seu día, polo Consello Escolar de Galiza por estaren “afastados
da nosa realidade nacional, por ser memorísticos e por estar impregnados de
ideoloxía neoliberal”. Unha lei que, lembrou, foi imposta pola Consellaría de
Educación “primando a súa ideoloxía fronte ás necesidades educativas” mentres
que outras comunidades decidían adiar a súa aplicación.
Falta de profesorado en 300 centros
Louzao denunciou
ademais que hai máis de 300 centros que non teñen profesorado abondo,
fundamentalmente de PT e AL, para atención á
diversidade e ao alumnado con necesidades especiais de apoio educativo e
que a Consellaría, na súa política de aforro, transformou a este profesorado
específico en itinerante. Unha situación que está a provocar conflitos como o
do CPI de O Pino ou o CEIP de Vite, onde toda a comunidade escolar se está a
mobilizar a diario en demanda de persoal específico.
A respecto da
problemática que padecen estes centros, en concreto, Fernando Lacaci, presidente da federación de ANPAS de
Santiago, asegurou que é consecuencia da diminución constante de profesorado
padecida nos últimos anos. “Os colexios cada vez dispoñen de menos medios e
persoal para atender as necesidades novas do alumnado, e chegamos ao punto de
que hai estritamente un profesor por cada 25 nenos ou máis. Unha situación
gravísima que hai uns anos ninguén imaxinaba, porque o profesorado non ten
capacidade de manobra para facer fronte a esas necesidades”.
Nese sentido,
Louzao denunciou que superando as ratios a Consellaría incumpre a súa propia
normativa, que estabelece un máximo de 25 alumnos/as por aula. “Hai aulas con
27 ou 28 alumnos ou alumnas nas que, malia iso, non se fan desdobres”. A isto
engadiu que os equipos directivos e o profesorado teñen unha sobrecarga de
traballo administrativo e burocrático porque se ven obrigados a facer traballos
que non son do seu cometido, prexudicando o funcionamento dos centros con
traballo extra.
E se isto fora
pouco, un 26% dos cadros de persoal do centros de secundaria é profesorado que
cambia cada ano, co que iso supón de prexuízo para a calidade do ensino, para
os centros e para o propio profesorado. Ademais, un 27% do profesorado ao que
se lle adxudicou destino (un total de 3.973) en secundaria ten que impartir
materias das que non é especialista. “Incrementouse o profesorado itinerante
que imparte en máis dun centro e mais o desprazado”.
Unha problemática
que Louzao atribuíu ao recorte de máis de 3.000 profesores/as que fixo a
Consellaría durante estes anos, mentres se xubilaban máis de 4.000
profesores/as. Miles de prazas suprimidas para as que só se convocou unha
oposición para cubrir 996 vacantes. De aí que a Plataforma entenda que este
curso tería que haber unha oferta de emprego público “sumamente ampla que
superara a taxa de reposición e que satisfixera as necesidades de profesorado
nos centros”.
Privada concertada favorecida
O representante da
Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e secretario nacional da
CIG-Ensino chamou a atención sobre a política educativa mercantilista do PP,
que se traduciu en que agora hai 13 centros e 48 unidades menos, mentres que no
ensino privado medrou en 26 unidades novas, mesmo en centros que segregan por
razón de xénero. “A aposta descarada polo ensino concertado supuxo que nos
últimos catro anos foran desviados 1.000 millóns de euros, mentres que os
orzamentos da Xunta de Galiza decreceron en 181 millóns”, dixo.
Como mostra desta
política mercantilista sinalou que a Consellaría, en lugar de facer dos
audiovisuais unha ferramenta indispensábel para o traballo docente, pretende
favorecer o negocio dunha empresa privada á que os centros terán que pagar unha
cantidade que pode chegar aos 900 euros a cambio do uso destes medios.
Españolización do ensino
A Plataforma
denunciou tamén que este curso escolar afondará
aínda máis na españolización do ensino e alertou de que o noso idioma,
como lingua vehicular, será afastado de todos os niveis educativos,
nomeadamente da educación infantil. “O PP impón o Decreto de plurilingüismo, malia vir de asinar un manifesto a prol do
uso do noso idioma, promovido pola Mesa, que é antagónico ao mesmo, lembrou
Louzao que demandou a derrogación deste decreto e a aprobación dunha nova norma
que camiñe cara á plena normalización e do ensino en galego.
Igualdade de oportunidades
Para a Plataforma
Galega en Defensa do Ensino Público tanto a gratuidade da educación como a
igualdade de oportunidades son materias pendentes na educación galega. Así
denunciaron que hoxe “preto do 40% do alumnado non ten ningún tipo de axuda nin
para material escolar nin para libros de texto”, explicou Louzao quen engadiu
que “o alumnado máis necesitado de reforzo ou de apoio escolar non ten o
profesorado especialista necesario para facer real a igualdade de
oportunidades”.
Con este panorama,
a Plataforma sintetizou as súas demandas exixindo, fronte á actitude
“autoritaria, falta de diálogo e negociación” da Consellaría, unha política
educativa que faga posíbel unha educación pública de calidade; a derrogación da
LOMCE; do Decreto de plurilingüismo; a restitución dos dereitos laborais e
profesionais do profesorado e dotación de profesorado abondo nos centros para
garantir o ensino público en Galiza e en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario