luns, 14 de setembro de 2015

A CIG-Ensino esixe de Educación que garanta o profesorado suficiente para que o alumnado non teña que cursar a materia de Relixión no bacharelato en contra da súa vontade

Móstrase unha vez máis que se tenta obrigar ao alumnado a cursar relixión.

A CIG-Ensino denuncia que a implantación da LOMCE no bacharelato está poñendo en evidencia que esta lei e a súa aplicación son claras apostas pola confesionalidade, como demostran as dificultades do alumnado, neste inicio de curso, para poder optar a unha materia dunha hora de duración que non sexa a relixión.
A CIG-Ensino denuncia que a realidade da aplicación da LOMCE é que, na combinación de materias que o alumnado pode elixir como materias específicas ou de libre configuración, dáse a circunstancia de que a única materia dunha hora de duración é relixión, o que se traduce en que haxa alumnos e alumnas que, se non contan cunha materia alternativa ofertada polo centro, se vexan obrigados a coller relixión para completar o seu itinerario formativo.
A CIG-Ensino denunciou desde o primeiro momento que a LOMCE era unha lei que apostaba pola confesionalidade, tanto é así que a relixión foi introducida en bacharelato como materia avaliábel e, por tanto, computábel no expediente académico do alumnado. A CIG-Ensino tamén denunciou que isto pretendía un efecto chamada entre o alumnado ante a expectativa de matricularse nunha materia en que poderían ter garantido o aprobado con boa nota.
A CIG-Ensino considera que ten que prevalecer a non confesionalidade e o dereito do alumnado a poder escoller a materia que mellor se axuste ao seu itinerario formativo sen estar obrigado, directa ou indirectamente, a matricularse en relixión se non o desexa. Mais isto só é posíbel se a Consellaría de Educación atende as peticións dos centros e non pon obstáculos á oferta de materias de libre configuración de unha hora de duración para que o alumnado poida optar a elas, como está sucedendo agora mesmo.
A CIG-Ensino xa recibiu numerosas queixas de centros, alumnado e familias que denuncian que se ven obrigados a coller relixión porque no seu centro non foi autorizada a materia de libre configuración deseñada e presentada en tempo e forma. É dicir, o centro elaborou unha proposta de acordo co decreto que implanta a LOMCE no Bacharelato e a Consellaría de Educación, a través das inspeccións e das xefaturas territoriais non o autorizou, obrigando o alumnado a ter que coller relixión. Lembremos que o decreto de aplicación da LOMCE na ESO e no bacharelato foi un decreto publicado a destempo (o decreto foi publicado en xuño, mais as instrucións para a súa aplicación non se publicaron até o 29 de xullo), causando graves prexuízos aos centros na confección das matrículas e no deseño da oferta das materias de libre configuración, motivo polo cal a CIG-Ensino pedía a paralización da aplicación da LOMCE o 19 de xuño de 2015, pois estábase  dificultando seriamente o traballo dos equipos directivos e dos centros, con repercusión no alumnado: http://www.cig-ensino.gal/novas/19-6-2015/a-cig-ensino-esixe-da-consella...
Todo isto é a mostra máis palpábel de que na práctica se pretende obrigar o alumnado a cursar relixión. Por iso, a CIG-Ensino esixe da Consellaría que non poña máis dificultades e acepte as propostas dos centros, para que o alumnado poida contar con alternativas á relixión.  En conclusión, a CIG-Ensino esixe da Consellaría de Educación que se garantan os recursos necesarios e o profesorado suficiente a todos os centros  para que poidan ofertar unha materia dunha hora á que o alumnado poida optar, pois, do contrario, estaría vulnerándose o seu dereito a recibir un ensino non confesional.
A CIG-Ensino valora que esta situación pon en evidencia, unha vez máis, que a relixión non debe formar parte do currículo escolar, como a CIG vén demandando, sendo un dos motivos que levaron á mobilización contra a LOMCE a profesorado e alumnado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario