O conselleiro de Educación acusa o sindicato maioritario do ensino de difundir "falsidades" e cuestiona a representatividade dos voceiros das asociacións de pais
- As Anpa critican que Educación aplique xa a 'lei Wert'
O PP bloqueou hoxe a comparencia do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, no próximo pleno do Parlamento galego para explicar as condicións nas que arranca o curso escolar, o primeiro no que comezará a implantarse a Lomce, a nova lei educativa do Goberno de Mariano Rajoy. Pais e sindicatos denuncian a "improvisación" coa que a nova lei educativa empezará a aplicarse nas aulas galegas. Vázquez respondeu a estas críticas cargando contra a CIG e cuestionando as Anpa.
O secretario xeral de CIG-Ensino, a central maioritaria, asegura que a norma vai supoñer "maior confesionalidad", "maior privatización" e "maior segregación" do alumnado no ensino. A Lomce, sostén Anxo Louzao, é un "despropósito" que "liquida" a xestión democrática dos centros e supón unha "maior españolización" do ensino na comunidade. Para Louzao, a Consellería de Educación comete "un desatino absoluto" ao empezar a poñer en marcha a lei cando "nin sequera" están publicadas as súas bases, que son os currículos escolares.
As asociacións de pais, tanto as dos centros públicos coma as dos concertados, cren que a Xunta debería ter esperado un ano para poñer en funcionamento a nova lei. "As cousas estanse a facer á présa e os profesores encóntranse con que non saben que teñen que dar, e o director non sabe que atribucións vai ter", afirmou hai uns días Helena Gómez, presidenta da Confapa. A voceira das familias de colexios concertados, María José Mansilla, denuncia que aos docentes "aínda non lles chegou o curriculum de Primaria".
O conselleiro de Educación, non obstante, augura que o curso empezará "con total normalidade". Vázquez defendeuse hoxe das críticas cargando contra a CIG e acusándoa de difundir "falsidades", mentres cuestionou a representatividade das voceiras das asociacións de pais que criticaron a improvisación do seu departamento. Vázquez pide "identificar" quen fala "en nome das Anpa", en declaracións recollidas por Europa Press. O PP non descarta" que o conselleiro compareza no Parlamento máis adiante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario