Semella que os libros
dixitais van estar este curso máis preto do noso alumnado ou, mellor
dito, máis dispoñíbeis. En total, até 84 centros educativos
galegos inician a súa actividade este día 10 de setembro (o curso
2014-2015) con conexión directa á plataforma de contidos dixitais
da Xunta. Segundo informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia (AMTEGA), responsábel da dita contorna virtual de
aprendizaxe, esta
vai ofrecer contidos curriculares dixitais e de balde a máis de
2.300 alumnos de quinto de primaria, que serán accesíbeis tamén
sen necesidade de conexión.
Trátase do primeiro
chanzo de E-DIXGAL, unha iniciativa abeira ao Proxecto Abalar da
Consellería de Cultura e Educación e AMTEGA. Con esta iniciativa
quérese abranguer en tres anos 22.500 alumnos de quinto e sexto de
primaria e primeiro e segundo da ESO. Segundo informa a axencia, “o
investimento total é de preto de 2 millóns de euros e suporá un
aforro total de 4,5 millóns de euros para a Administración
autonómica e as familias”.
Lembrar que para a
materialización da plataforma e para o subministro de contidos
iniciouse un concurso público que finalmente foi gañado polas
firmas Iecisa, Altia, Coremain e Netex. A plataforma fornece, nesta
primeira fase, contidos curriculares para quinto de primaria de dous
provedores, a editorial EDEBÉ e a empresa de contidos dixitais
Netex.
O proxecto foi
presentado en todo detalle este venres 5 de setembro, perante
directores e coordinadores tecnolóxicos dos centros implicados e
perante os asesores de Abalar, por parte de Xesús Vázquez e Mar
Pereira, responsábeis de Educación e Cultura e AMTEGA,
respectivamente. Vázquez salientou “a boa acollida da iniciativa”
e engadiu que foron 90 as solicitudes recibidas na Consellería,
nunha convocatoria que, dixo, “foi un éxito entre os centros
públicos, que representan o 90% dos proxectos presentados, sendo un
de cada tres centros públicos Abalar de primaria beneficiarios do
proxecto”.
Asemade, tamén fixo
saber que os profesores implicados dos devanditos 84 centros son
preto de 600. En virtude do proxecto, engadiu, poderán elaborar “a
súa propia mochila dixital” escollendo, a través da plataforma
dixital, os contidos formativos dos dous provedores que participan na
iniciativa, coa posibilidade de combinar unidades de ambos para unha
mesma materia. No acto tamén se fixo saber que os profesores poderán
acceder dende esta contorna virtual aos máis de 2.000 recursos
educativos do espazoAbalar. Tamén se habilitará conexión co Punto
Neutro do Ministerio de Educación para posibilitar o acceso a
contidos de pago de empresas editoras.
Pola súa parte, o
alumnado poderá facer uso da plataforma “de modo equivalente ao do
docente, aínda que as opcións que verá son as exclusivas do seu
perfil”, explicaron Vázquez e Pereira. Deste xeito, as rapazas e
os rapaces accederán ao itinerario formativo que lles asigne o
profesor e poderán visualizar o calendario de contidos e actividades
propio. O equipo básico de acceso á plataforma por parte do alumno
é o netbook de Abalar que se lle asigna desde o inicio de
curso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario