luns, 8 de setembro de 2014

“O novo curso vén cargado de conflitividade, deterioro do ensino público, carencia de profesorado, supresión de unidades e marxinación do galego”, advirte Anxo Louzao

A CIG-Ensino canalizará a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular as medidas para restituír os dereitos do profesorado, a defensa do ensino público e o combate á LOMCE.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e Ana Rodiño integrante da Executiva advertiron este martes 2 de setembro en rolda de prensa que se inicia un novo curso escolar cargado de conflitividade e problemáticas como consecuencia dunha política educativa alicerzada no abandono do ensino público en beneficio do privado concertado, supresión de unidades, redución de profesorado, masificacion das aulas, maior precarización e inestabilidade do profesorado, españolización, marxinación do noso idioma e empeoramento da calidade do ensino.
O curso 2014-2015 estará marcado tamén pola negativa da Consellaría a cubrir vacantes demandadas polos centros e pola aplicación da LOMCE que se traducirá nunha maior “segregación do alumnado, privatización, confesionalidade, liquidación da cativa xestión democrática que quedaba nos centros e españolización”. Anxo Louzao denunciou a “chapuza e trapallada nunca vista” protagonizada por Educación ao aprobar en agosto, vía DOG, unha orde que fixa os currículos de 1º, 3º e 5º  de Primaria cando está sen aprobar o decreto, norma de rango superior, que ten que regulalos. Unha actuación ilegal na que tamén persiste, lembrou o secretario nacional da CIG-Ensino, ao seguir concertando unidades cos centros que segregan alumnado por razón de xénero, malia a sentenza gañada pola CIG-Ensino.
A CIG-Ensino denunciou tamén a desconsideración e atropelo ao profesorado que supón a actuación errática e irresponsable en relación coa convocatoria do Concurso Xeral de Traslados.
Segundo o estudo realizado pola CIG-Ensino este curso escolar iniciarase cos seguintes recortes e problemas :
  • Supresión de 63 unidades no ensino público en educación infantil e primaria mentres se concertan 79 novas unidades co ensino privado concertado.
  • En relación ao profesorado confírmase a supresión de máis de 3.000 prazas de profesorado no últimos cinco anos. Moito profesorado que foi interino continúa sen traballo porque se reducen os cadros de persoal nos centros e non se cobren moitas xubilacións. Ademais increméntase a inestabilidade como consecuencia da falta de emprego público e o 18% do profesorado dos centros non coñece  o destino até preto do inicio do curso. Anxo Louzao subliñou ademais que a falta de emprego público provoca que neste momento o profesorado interino e provisional ascenda nos centros unha media do 15% .
  • A política da Consellaría de Educación debilita a calidade do ensino pola insuficiencia de profesorado de PT e AL (Pedagoxía Terapeútica a Audición e Linguaxe) para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo; masificación e incremento das rateos máximas nun 10% por enriba dos máximos establecidos; non autorización dos desdobres; agrupamentos de diferentes niveis e idades nunha mesma aula, etc.
  • Iniciase o curso con falta de prazas de FP e de educación infantil de 0-3 anos e a Formación Profesional Básica só se implanta en 87 concellos. Case as tres cuartas partes non terán nin FP Básica  nin PCPI.
“A todo isto súmanse moitas incidencias –engadiu Anxo Louzao - como son a existencia de obras sen rematar, reformas integrais sen facer, falta de espazos, materiais e recursos, dotación de profesorado a tempo parcial cando tiña que ser a tempo completo, reclamacións de profesorado sen atender ou prazas catalogadas que se negan a cubrir, entre outras”
Na rolda de prensa a CIG-Ensino deu conta tamén dos seguintes datos da adxudicación de destinos provisionais para este curso:
Resolución Definitiva en Primaria: Participaron  2.272 profesores/as, dos que 1211 son interinos/as.  Adxudicáronse 343 prazas de itinerantes, o que representa un 13% do total e un incremento do 5% con respecto ao ano pasado. Un 7,17% (163 profesores/as) son suprimidos ou desprazados, 206 profesores/as (un 9%) van ter que impartir afíns e un 31% do profesorado vai ter que impartir afíns con itinerancia (70 prazas).
Resolución Provisional en Secundaria: Participaron 3.248 profesores/as, incrementándose só en 42 o número de prazas de  interinos/as en relación ao pasado ano e en 143 substitutos/as malia as numerosas xubilacións e a falta de emprego público. Hai 104  suprimidos e desprazados e van ter que impartir afíns 882 profesores/as, un 15% máis que o ano pasado. Destes terán que impartir unha afín 620 profesores/as, dúas 109, tres 23, 5 dous profesores e un profesor vai ter que impartir 8 afíns. As itinerancias increméntanse en preto dun 50%.
Anxo Louzao insistiu en que a Consellaría de Educación mantén a  súa “cruzada contra o galego que desaparece na práctica do ensino infantil de vilas e cidades. En FP e outros niveis a presenza é cada vez menor.  A situación é tan alarmante –dixo- que nin sequera son capaces de facer a avaliación da aplicación do Decreto do Plurilingüismo porque testaría o retroceso alarmante do ensino en galego”.
Por outra banda, Anxo Louzao denunciou que a Consellaría aproveitou o verán para aprobar lexislación lesiva: orde adxudicación de concertos a centros que segregan, modificación dos cadros de persoal de infantil e primaria, modificación dos currículos de primaria, orde que desenvolve a FP Básica, orde que impide que o profesorado CELGA continúe impartindo cursos de linguaxe específica.
“A Consellaría mantén unha actitude antidemocrática, autoritaria e arrogante coa que segue sumando sentenzas en contra.  A CIG-Ensino leva gañadas 17 sentenzas sobre diferentes asuntos de alcance colectivo en contra de actuacións da Consellaría en diferentes instancias xudiciais: salas do contencioso administrativo, TSXG e Tribunal Supremo . É inadmisible que a estas alturas o conselleiro non dimitira ou fora cesado porque estas actuacións deberían ser razón suficiente para inhabilitalo”, subliñou. Entres estas sentenzas destacan as relativas aos concertos con centros que segregan alumnado, revisión médica anual aos docentes, servizos mínimos decretados nas folgas, representación da CIG nos consellos sociais dos centros integrados de FP e da Universidade, devolución da parte devengada da extra, uso do comedor ao profesorado, despedimentos nulos de profesorado CELGA, restitución do 5% do salario ás xubilacións anticipadas, recoñecemento de trienios e sexenios ao profesorado interino ou o Decreto do Plurilingüismo, entre outras.
Anxo Louzao reafirmou o compromiso da CIG-Ensino de manter a loita contra a LOMCE, contra os concertos con centros que segregan alumnado por razón de xénero e anunciou que recorrerá a aprobación dos currículos de Primaria.  Ademais lembrou que a CIG-Ensino, de xeito inmediato, desenvolverá unha campaña de asembleas en todos os centros nos que vai recoller sinaturas de apoio a unha Iniciativa Lexislativa Popular que ten como obxectivo recuperar os dereitos profesionais e retributivos arrebatados ao profesorado, defender o ensino público, a mellora da súa calidade e derrogar a normativa lesiva para o ensino público galego. Hai que lembrar que este curso o profesorado como consecuencia da sentenza gañada pola CIG-Ensino terá dereito á revisión médica anual e haberá eleccións sindicais o 4 de decembro. 
A CIG-Ensino tamén fará coincidir o inicio do curso cunha concentración de delegados e delegadas o 10 de setembro diante da Consellaría de Educación para denunciar os recortes na Educación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario