Comisións, CIG e PSdeG póñenlle cifras ao impacto que están a ter os recortes na educacións. Hai menos profesores, peor pagados, máis precarias e menos prazas en FP.
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, presentou
unha moción no Parlamento na que lle reclama á Xunta que repoña as
prazas docentes e as condicións laborais “escamoteadas por Feijoo aos
profesores e profesoras durante os seus cinco anos de goberno”.
Segundo datos do PSdeG, o gasto en educación caeu de 860 a 670 euros
por habitante dende que os conservadores recueperaron o poder en 2009.
Pola súa banda, o sindicato CC.OO denuncia unha redución de máis de
1.500 docentes nos últimos cursos e a duplicación da cifra de persoal
interino, que se sitúa en case o dez por cento
Esta falta de investimento está a crear evidentes problemas. “Neste
momento hai máis de 1.200 profesores/as que van impartir unha materia da
cal non son especialistas e máis de 500 profesores/as que teñen que
impartir docencia en máis de un centro", denunciaba esta semana a
CIG-Ensino, o sindicato máis representado nas escolas públicas.
O responsable socialista lembra que o profesorado galego ten perdido un
30 por cento do seu nivel adquisitivo, segundo os sindicatos, e ve
cómo" o goberno galego está a impoñer unhas condicións de traballo cada
vez mais precarias".
O parlamentario socialista esíxelle ao goberno galego que poña en
marcha unha serie de plans plurianuais . Así, clama en primeiro lugar
un plan plurianual de mellora das instalacións dos centros educativos
obsoletas “por falta dun axeitado mantemento durante os últimos anos”.
Tamén demanda un plan plurianual “para renovar os equipamentos
didácticos dos centros educativos que foron quedando obsoletos durante
os últimos anos” e un último plan plurianual “para equiparar o ancho de
banda de acceso á Internet dos centros do medio rural cos centros do
medio urbano”.
En opinión da CIG as perspectivas para este ano non son boas. “O inicio
do curso preséntase sumamente conflitivo, con grandes carencias no
ensino público de profesorado ou aulas masificadas mentres se seguen a
ampliar os concertos educativos, aquelas unidades que se subvencionan ao
100% co erario público”, explican dende o sindicato nacionalista.
Pola súa banda, o sindicato CC.OO critica tamén a redución da oferta
educativa na formación profesional básica pois "a Consellaría de
Educación presume de promover a FP, pero o certo é que a oferta para
este curso diminuíu en 520 prazas".
O martes está previsto que os reis de España inauguren o curso escolar
visitando o colexio Ben Cho Sey de Ourense. As diferentes plataformas
do sector acudirán a protestar ás portas do centro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario