Os nacionalistas emprazan o presidente galego a que cumpra co PXNL, ‘’unha lei aprobada por unanimidade neste Parlamento’’ e que o goberno galego “desprecia”.
O BNG emprazou o goberno galego nesta segunda feira a cumprir co Plan Xeral de Normalización Lingüística, un plano aprobado hai hoxe dez anos por unanimidade no Parlamento. “Aquilo foi froito a capacidade de consenso de todas as forzas políticas en torno a un plan de mínimos para o noso idioma”, lembrou o portavoz nacionalista Xavier Vence. Un consenso, proseguiu, que foi “dinamitado” coa chegada o poder de Núñez Feijóo e o seu goberno. Desde entón, mantén, “asistimos a un cumprimento xeralizado do PXNL, non se cumpriu ningunha das 445 medidas”.A deputada nacionalista Ana Pontón lamentou que esta década de PXNL non fose o de aplicación das súas propostas, senón que o goberno de Feijóo impulsou neste tempo o que cualificou de “demolición de calquera política de promoción do galego”. A realidade actual é que, aponta a parlamentar, “en Galiza é imposíbel vivir no idioma propio do país”. Unha situación que se percebe no día a día do ensino, xustiza, mundo económico, inmensa maioría dos medios de comunicación... “E temos un presidente e un goberno empeñados en impulsar a substitución lingüística do galego”.
445 preguntas
O BNG vai presentar no Pleno unha moción para pedir o cumprimento do Plan Xeral e para instar o goberno galego a que responda polo seu incumprimento. “Imos presentar unha pregunta por cada unha das 445 medidas que contemplaba o PXNL, para así obrigarlles a responder”.
Xavier Vence mostrou a súa sorpresa polo feito de que un presidente (Feijóo) que exixe respectar á legalidade a outros mandatarios de autonomías, “mentres, incumpre unha lei do seu propio Parlamento, aprobada por unanimidade”. Para o portavoz do BNG, ese comportamento amosa que para Feijóo “só hai que cumprir as leis do goberno central, non as do Parlamento galego”.
Tesoirada do 70% nos orzamentos para idioma propio
O “desprezo” que o actual executivo galego mostra para o galego atópase en diferentes eidos, sostén o BNG. Un exemplo é a tesoirada que Núñez Feijóo fai nos orzamentos adicados ao idioma propio: “Era de 23,6 millóns de euros en 2007 e para este ano só 7 millóns” expón o portavoz nacional. Un recorte que ataca o galego e “asfixia a sectores económicos chave no país” e relacionados coa cultura, entre outros.
“Conversamos coa cidadanía rebelde que quere reconstruír este país”
A preguntas dos xornalistas sobre as declaracións de Yolanda Díaz (vice-portavoz AGE, pronunciándose nunha entrevista pola unidade de AGE, BNG e Podemos cara ás municipais) Vence afirmou que o Bloque está nun “proceso de diálogo coa cidadanía, non con siglas”. Xavier Vence sostén que as asembleas abertas que o BNG impulsa “por todo o país” son conversas coa cidadanía “rebelde que quere reconstruír o país”. É un proceso de socialización do nacionalismo “coa base social contestataria”. “De aí sairán candidaturas con visión de país, máis alá de cantonalismos e localismos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario