"Hai que incrementar as capacidades da porcentaxe para facer ofertas públicas de emprego", propugna Feijóo.
Co curso escolar a punto de empezar, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu onte ao Goberno central que amplíe a capacidade que as comunidades autónomas teñen para contratar máis profesores, limitada a repoñer apenas o 10% dos que se xubilen como consecuencia dos recortes no gasto público dos últimos anos.Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Conselo da Xunta, Feijóo asegurou que no novo curso haberá un número de docentes "moi similar ao do ano pasado" que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, concretará no Parlamento de Galicia cando as clases xa estean en marcha, a xeito de balance do comezo da actividade lectiva. O presidente cre que cos mesmos profesores se poderá dar unha axeitada atención aos alumnos, pero pediu ao Goberno que abra a man. "Pensamos que hai que incrementar as capacidades da porcentaxe para facer ofertas públicas de emprego no ámbito docente", dixo, para engadir que "é necesario subir do 10% de capacidade máxima".
O presidente Feijóo tamén se referiu onte á mellora nos resultados de Sogama, a empresa de participación maioritaria pública que xestiona os residuos urbanos da maioría de municipios de Galicia. A Xunta autorizou que este 2014 incrementase un 33% a taxa que cobra aos concellos polos seus servizos ante a previsión dun incremento nas súas perdas. Aínda que os resultados do pasado ano foron mellores do previsto -en todo caso en perdas- Feijóo evitou onte comprometer ningunha rebaixa da taxa e limitouse a asegurar que en 2015 non a volverá subir.
Feijóo tamén defendeu o novo concerto do Servizo Galego de Saúde (Sergas) co hospital privado Povisa para que siga atendendo a pacientes da sanidade pública unha vez que se abra o novo grande hospital de Vigo. "Hai moitas familias que traballan en Povisa; poden ter a seguridade de que poderán seguir traballando nunha empresa cuxo principal cliente é o Sergas", dixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario