O importe de bolsas e axudas ao estudo universitarias e non
universitarias executado a día de hoxe para o curso 2013-2014 é inferior
en 75 millóns de euros ao do anterior, segundo os datos provisionais
recollidos no documento Datos e Cifras do curso escolar 2014-2015.
Mentres no curso 2012-2013 dito importe ascendeu a un total de 1.483,5
millóns de euros, o executado ata agora para o curso 2013-2014 é de
1.408,1 millóns de euros.
Fontes de Educación explicaron que hai que diferenciar entre o gasto
para bolsas por curso e por ano. Neste sentido, destacaron que o
orzamento do Ministerio nesta materia é de 1.465,8 millóns para o ano
2014, mentres que 2013 foi de 1.252,6 millóns e en 2012 de 1.284,3
millóns.
E á citada cifra provisional de 1.408,1 millóns de euros como importe
para bolsas e axudas para o curso 13-14 haberá que engadir o diñeiro
destinado a compensación de taxas universitarias -aínda pendente-, polo
que o importe verase aumentado, aínda que as fontes non especificaron en
canto quedará finalmente. Por outra banda, o número de beneficiarios en
2013-2014 (datos provisionais) aumentou en 11.445 persoas, pasando de
765.949 no curso 2012-2013 a 777.394 no 2013-2014.
O ministro de Educación, José Ignacio Wert, que presentou o documento,
asegurou que este curso recentemente comezado (Cataluña foi hoxe a
última comunidade en iniciar as clases) terá un número de alumnos non
universitarios estimado de 8.141.628, o que supón 57.634 máis que o
curso anterior, é dicir, un aumento do 0,7%.
Explicou que o aumento de nacementos ata 2008 incrementa a educación
básica, pero que o seu descenso posterior baixou a educación infantil en
canto ao número de alumnos; tamén a cifra de alumnado estranxeiro
diminuíu polo fenómeno do retorno e contención migratoria. Pola contra,
nos últimos cinco anos aumentou en 10 puntos a escolarización aos 17 e
18 anos, especialmente nesta última idade, pasando dunha taxa de
escolarización do 67,7% no curso 2007-2008 a outra do 80,2% no
2012-2013.
O incremento de escolarización aos 18 anos tradúcese en máis alumnos en
bacharel e FP, segundo Wert, que subliñou que entre 2011-2012 e
2014-2015 hai un 29,8% máis de alumnado en Formación Profesional.
O número de centros docentes non universitarios para este curso iniciado
é de 28.064, deles 19.054 públicos e 9.010 privados. En canto aos
docentes, o seu número este curso escolar ascende a 670.778, cun lixeiro
incremento respecto ao pasado (4.189 profesores máis en centros
públicos e 1.255 máis en privados).
Respecto ao gasto público en educación e a súa relación co PIB, estímase
que en 2014, incluídos capítulos financeiros, será do 4,43% fronte ao
4,50% do 2013. Wert anunciou que para 2015 subirá o orzamento do seu
Ministerio para gasto educativo respecto de 2014, aínda que non deu
porcentaxes, e explicou que este ano se observou que algunhas
comunidades consolidaron este gasto e noutras aumentárono lixeiramente.
Tamén se referiu ás comunidades autónomas que anunciaron que
"minimizarán" a implantación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade
Educativa (Lomce) sinalando que cada parte debe respectar
"escrupulosamente" as súas competencias, que desde o Ministerio non vai
faltar "afán de cooperación" para esta posta en marcha da norma, pero
que hai que aplicala.
"Estas afirmacións que falan de minimizar o tomo máis no terreo da
retórica política", salientou, ademais de engadir que non se trata dunha
cuestión sobre maximizar ou minimizar, senón dun "contido normativo que
todas as administracións teñen que aplicar". Así mesmo, pediu que non
se boten estas polémicas ás costas "dos alumnos".
Preguntado sobre o número de familias que solicitaron que se lle custee
un centro privado para poder estudar en castelán ao non contar na súa
comunidade cun público que ofreza educación en castelán como lingua
vehicular, o ministro afirmou que aínda están a recompilar esa
información.
Ningún comentario:
Publicar un comentario