O equipo de comunicación de Educación inclúe sistematicamente na súa web, que é tamén o portal educativo de Galicia, comunicados de prensa para retrucar as críticas á súa xestión. Así, por exemplo, a web foi o vehículo para acusar a CIG de "desinformar e intoxicar", chamarlle "irresponsable" ao mesmo sindicato por non sentar a negociar as novas condicións dos comedores escolares ou cualificar de "antidemocrática" a súa actitude por opoñerse á enquisa para condicionar a lingua no ensino. O portal oficial tamén recolleu, por exemplo, acusacións contra o conxunto de organizacións sindicais de "mentir interesadamente" sobre cifras de redución de profesorado.
Este xeito de proceder vén amosándose aínda máis ás claras dende as primeiras xornadas de setembro, ata o punto que dende o comezo do curso, o pasado día 10, a web da Consellería acumula sete reprimendas dirixidas a outros tantos centros educativos díscolos. A primeira chegou o propio día 10 ante un peche anunciado nun colexio do Rosal por falta de docentes. Educación retrucou á comunidade educativa do CPI dicíndolle que o profesorado co que conta é "o preciso para atender o centro" e que a súa reclamación dun novo docente de Educación Física "non ten ningún sentido".
Dende o comezo do curso a web da Consellería acumula sete reprimendas contra outros tantos centros educativos que denunciaron carencias materiais ou de profesoradoApenas unha semana despois, o día 18, a Consellería cargou contra tres centros con cadanseus comunicados. O primeiro foi para o colexio Feliciano Barrera de Ponteareas, que reclamaba máis profesionais de ensino infantil e obtivo como contestación que a Xunta está a dar unha "resposta moi xenerosa" ás necesidades do centro, suxerindo ademais que o profesor de Educación Física axudase nas tarefas de psicomotricidade no ciclo de Infantil. A continuación foi a quenda para o colexio de Manzaneda e para o alcalde da localidade, David Fernández, contra os que cargou polas súas protestas contra a decisión de surtir o comedor escolar a través dun catering. Ese día tamén houbo tempo para rifarlle á ANPA do colexio vilagarcián de Rubiáns, que considerou publicamente que as obras realizadas no centro non eran dabondo para paliar as súas necesidades.
Seguindo a mesma dinámica o día 19 a Consellería difundiu un dos seus comunicados máis extensos e duros, no que ataca a comunidade escolar do IES da Pobra do Caramiñal, acusándoa de querer poñer "os seus intereses por riba" doutros centros tras alertar publicamente das graves deficiencias do edificio. Xa nesta semana Educación arremeteu contra o instituto Primeiro de Marzo, de Baiona, instando os seus docentes a "adoptar unha actitude responsable" e insinuando que "instrumentalizan fóra das marxes do sistema educativo" as súas reclamacións de instalacións e material para un ciclo de FP. Por último -ata o momento- a web oficial lanzou acusacións contra o colexio cambadés Antonio Magariños e contra un dos seus profesores de Educación Física e as súas "reticencias" a non impartir a materia nun patio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario