mércores, 24 de setembro de 2014

Educación comeza o curso enfrontada cos centros educativos

O departamento de Jesús Vázquez emitiu nos últimos días ata cinco comunicados para desmentir as deficiencias, falta de medios e de docentes de numerosos centros galegos.

O inicio do curso escolar está resultando un caos para a Consellería de Educación. Ao departamento de Jesús Vázquez acumúlanselle os problemas e as denuncias. En menos de quince días, o seu servizo de prensa tivo que contestar públicamente aos problemas acumulados no CEIP Antonio Magariños, de Cambados; o IES Primeiro de Marzo, de Baiona; o IES da obra; o CEIP Feliciano Berrera, en Ponteareas e o CPI Suárez Marquier, de O Rosal.
 
E non son os únicos. Distintos centros do país tamén se teñen queixado de problemas relacionados con falla de docentes, material ou servizos básicos como a luz e a electricidade. 
 
O regueiro de desmentidos da Xunta comezou o pasado 10 de setembro. "A Consellería de Cultura e Educación lémbralle á comunidade educativa do CPI Suárez Marquier ( O Rosal) que o profesorado co que conta é o preciso para atender as necesidades do centro". Unha resposta as críticas que lle choveron desde o centro, dos partidos políticos, e mesmo por parte do propio Concello, do PP, sobre a ausencia de docentes.
 
Uns días despois, o 18 de setembro, novo desmentido. "Cultura e Educación dotou ao CEIP Feliciano Berrera (Ponteareas) de profesorado suficiente para atender as tres unidades de infantil, que teñen unha ratio de menos de 12 alumnaos por aula". Tamén os docentes deste centro se queixaran da falla de persoal en infantil.
 
O 19 de setembro a consellería "lamentaba a actitude do IES da Pobra ao tentar poñer os seus intereses por riba dos de outros centros educativos". A dirección do centro queixouse polas deficiencias do centro e a falla de material para afrontar o inicio do curso. "O centro dispuxo este ano de 210.000 euros entre gastos de funcionamento e remanente, cos que podería ter realizado o pintado" e "acordou coa dirección do centro e co Concello realizar no Nadal as obras neste instituto", engadía.
 
O 22 de setembro, o departamento de Jesús Vázquez tamén tiña que saír ao paso das críticas doutro centro en baiona. "O informe da Inspección Educativa confirma que o IES Primeiro de Marzo conta coas instalacións e material necesario para impartir a FP Básica de electricidade e electrónica", sinalaba tras as críticas do claustro de docente. 
 
O 23 de setembro tocáballe a quenda a outro centro de Cambados. "A Consellería de Cultura e Educación está a reducir ao mínimo as molestias polas obras de mellora do CEIP Antonio Magariños, que supoñen un investimento de máis de 250.000 euros". Nesta ocasión, profesores, alumnos e pais criticaron as dificultades, por falta de espazo, para desempeñar as actividades docentes.
 
Foron os desmentidos feitos pola Xunta logo das críticas recibidas por sindicatos, partidos politicos, direccións e claustros de centros e mesmo asociacións de pais. Todos eles insisten nas deficiencias de numerosos institutos e colexios, na falta de medios materiais e de docentes para afrontar o inicio do curso escolar. Unha situación provocada, din, polos recortes a un servizo público como é a educación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario