O conselleiro de Educación di que a LOMCE prevé “un incremento progresivo” de profesores e di que non devolverá os 15 millóns entregados aos centros que segregan por sexo. A oposición denuncia os continuos recortes na educación pública.
"Se cadra o problema é vostede e a súa forma de pensar. O culpable de que o sistema galego non funcione". Foi a resposta do titular de Educación, Jesús Vázquez, ao deputado de AGE, Ramón Vázquez durante unha interpelación parlamentaria deste grupo sobre a situación e a aplicación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).
En canto a como afecta esta nova lei ao conxunto dos educadores, Vázquez dixo que se prevé "un incremento progresivo", até aumentar en máis do cincuenta por cento a taxa de reposición
e que as cifras de profesores interinos mantéñense a niveis de anos
anteriores, aínda que este acordo foi do bipartito, apostilou.
Tamén negou que vaian pedir os 15 millóns de euros que
se lle deu aos centros concertados que segregan por sexo porque, dixo,
que o pago da Xunta fíxose delegado aos profesionais e non ao centro en
si, polo que demandar esa devolución supón esixir catro anos do salario
do profesorado.
Vázquez asegurou que o seu departamento centrará todos os esforzos necesarios para que, a través do "realismo e da eficiencia",
a aplicación da LOMCE estea acorde coas necesidades dos nenos galegos,
xa que é unha "oportunidade" para adaptar o marco legal ao século XXI.
Pola súa banda, o deputado de AGE lembrou que a Consellería terminou o curso pasado con dezaseis sentencias xudiciais
e que empeza o novo curso con catro máis, acumulando xa vinte pola súa
decisión de "exceder os límites" democráticos e legais para sacar
adiante as contrarreformas aproveitándose da actitude de "un parvo útil,
como diría o presidente do Executivo aínda que eu prefiro dicir
sumiso", apostilou.
Reiterou que a confederación de Anpas de Galicia, incluída a católica,
denunciou a situación do sistema educativo e a aplicación "improvisada"
da LOMCE e dos decretos aprobados durante a época estival, que "ignoran a realidade do día a día e os problemas das aulas".
O socialista Vicente Docasar cuestionou que se os
"brotes verdes" e a recuperación económica que anuncia o PP son certas,
por que non repercuten na mellora de todos os sectores implicados en
materia educativa.
Nesta liña, Docasar lembrou que nos últimos anos de crise económica perdéronse miles de prazas de profesores,
o que repercute na calidade do servizo, ademais de que perderon un 30
por cento do poder adquisitivo, situándoo a niveis de finais dos anos
oitenta. Pola súa banda, Vázquez manifestou que o gasto medio por alumno
de España é de 6.000 euros, en Andalucía de 5.100 e en Galicia de
7.200; e respecto ao número de interinos avanzou que en Andalucía este
ano hai 830 máis, o que eleva a cifra a un total de 5.530.
Ningún comentario:
Publicar un comentario