O material didáctico que empregan deixa de estar cuberto polo cheque de Educación.
Os nenos e adolescentes de Galicia con síndrome de Down non poderán beneficiarse este curso do programa de axudas Gratuidade solidaria impulsado pola Consellería de Educación, co que se subvenciona a compra de libros para alumnos matriculados en centros públicos de educación primaria, secundaria ou especial. Ata o curso que acaba de comezar, os pais podían empregar estas axudas para outros materiais didácticos, pero a convocatoria de 2014/2015 especifica que a finalidade se limitará "exclusivamente a libros de texto". Ese cambio expulsa do programa a unha significativa porcentaxe do colectivo de estudantes con necesidades educativas especiais porque os rapaces con esta síndrome, por norma xeral, non empregan libros e si outros materiais didácticos que agora quedan fóra da subvención.Educación recoñece o cambio pero matiza que as axudas chegarán por outras vías. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, asegura a este diario que a convocatoria "segue as recomendacións da Valedora do pobo nas que se insta a fomentar o préstamo ou o uso de materiais reutilizables, e por iso agora só financiaranse libros cos que se poida crear un sistema de préstamo". "Non se nos esquecen os nenos con Down ou calquera outra necesidade especial porque, por exemplo, os que están en centros educativos específicos reciben unha subvención directa de 250 euros, independente da renda familiar, e os que están integrados en primaria ou secundaria poderán utilizar libros de cursos anteriores do novo banco de préstamo", aclara. Pinal insiste en que se "trata de cubrir ao máximo e ogallá puidésese dar a todos". Tamén recorda que Galicia, tendo a metade de nenos, inviste nestas axudas o triplo que Madrid.
Na Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down están indignados. "Só pedimos dignidade e respecto", exclama o seu presidente, Delmiro Prieto, que achaca a decisión ao "cambio de modelo educativo que implanta a lei Wert e non a un problema económico". "Coa nova lexislación buscan a segregación dos nenos do conxunto da poboación común á que pertencen", denuncia. Dende a federación explican que xa solicitaron que se destine o diñeiro para libros doutros cursos "ao que realmente lles fai falta e que é o material didáctico substitutorio". "Non" hai "forma de que a Xunta acceda", denuncia Prieto mentres recorda que non reclaman ningunha nova partida presupostaria e si unha "xestión axeitada" do diñeiro xa consignado.
A convocatoria introduce dúas excepcións nas que se permitirá adquirir material didáctico ou complementario. Unha para o alumnado matriculado nalgún dos centros específicos de educación especial, que non chegan á vintena en Galicia, e outra para aqueles nenos que, cursando estudos en colexios ordinarios, teñan recoñecida unha minusvalidez igual ou superior ao 65%. Ao establecer un grao de minusvalidez tan alto, esa excepción non afectará a practicamente ningún rapaz con Down matriculado neste segundo tipo de centros. E é que segundo datos da federación, á práctica totalidade dos nenos con esta síndrome, por defecto, se lles asigna unha porcentaxe do 33%. Ademais obriga a conservar en bo estado os libros e a súa incorporación a un banco ao rematar o curso. A orde que regula as axudas nomea na súa introdución un artigo da Lei Orgánica de Educación de 2006 que promulga o establecemento de bolsas e axudas para garantir a igualdade no exercicio do dereito universal á educación. Dáse o paradoxo de que a aplicación real da Xunta vulnera esa formulación, excluíndo parte do alumnado e negándolle a igualdade de oportunidades e condicións," denuncia Down Galicia.
Delmiro Prieto cre que Educación quere fomentar unha "exclusión" das aulas ordinarias de alumnos con necesidades especiais para derivalos a centros específicos. " Por que me obrigan a cambiar ao meu fillo daquilo que ten por dereito, que é formar parte da sociedade na que vive, para levalo obrigado a un centro especial apartado de todo? ", pregúntase. "Non nos imos quedar quietos e de brazos cruzados, iso témolo claro", advirte. A federación xa mantivo contactos con outros colectivos de persoas con necesidades especiais aos que afecta o cambio normativo. E darán a batalla: "Para este curso xa non hai solución porque o prazo remata a comezos de outubro, pero actuaremos contundentemente o próximo".
1.400 alumnos con necesidades especiais
Dende Down Galicia recordan que o cambio imposto pola Consellería de Educación nas subvencións de Gratuidade solidaria afecta a estudantes con necesidades educativas especiais que, no seu día a día, non utiliza libros de texto porque as súas adaptacións curriculares establecen outros materiais personalizados polos profesores. "O cambio de modelo non só salpica nenos con síndrome de Down e iso agrava as consecuencias da decisión do Goberno galego", matizan. "Este é un universo máis amplo e o sistema público ten que ser de calidade para dar resposta a toda a súa poboación. Con esta orde, a Consellería de Educación exclúe en vez de integrar, recorda o presidente do colectivo de Down, visiblemente enfadado. O pasado curso, entre centros públicos e concertados, pechouse cuns 1.400 alumnos con algún tipo de minusvalidez intelectual que require de atención específica.A contía das axudas do programa da Xunta oscila, en función da renda familiar, entre os 170 e os 90 euros en educación primaria ou entre os 180 e os 104 en secundaria. O presidente da federación lamenta que, de seguir polo camiño "claramente segregador" que marca a nova Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), se acabará educando unha parte da poboación" "na máis absoluta ignorancia doutra".
Ningún comentario:
Publicar un comentario