xoves, 25 de setembro de 2014

A Xunta ataca o profesorado do instituto da Pobra por denunciar o mal estado do edificio

A finais de agosto o Punto de Encontro do Ensino Público da Pobra do Caramiñal, un foro que reune os centros educativos e as Anpas da vila barbanzá, alertaba de que, ante o inminente inicio do curso escolar, o edificio do instituto de Secundaria pobrense tiña sen subsanar múltiples deficiencias. Humidades, filtracións de auga, fendas ou barreiras arquitectónicas e un longo etcétera de "problemas" poden "afectar negativamente tanto á saúde como á seguridade de case 500 rapaces do centro" e por iso reclamaron ante a Xunta que os subsanase. O xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, non só admitiu as deficiencias, senón que as acrecentou ilustrando que o instituto está "a monte" e fixo recaer a responsabilidade no propio centro que, asegura, non emprega o seu orzamento de mantemento para facer os arranxos. O claustro docente, "indignado" retrucoulle ao cargo da Xunta reafirmándose na denuncia e agora a Consellería atácaos publicamente porque, di, se dedican a facer política.
Tras as declaracións do xefe territorial e despois de que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, visitase un colexio da vila pero non acudise nin se referise ao instituto o profesorado elaborou unha dura carta aberta para, ademais de manifestar "indignación" e "absoluta repulsa e protesta", "precisar" as razóns do mal estado do centro, sobre o que "o máximo responsable da educación pública na provincia da Coruña non debería facer un xuízo público sen fundamentarse en datos obxectivos" sobre "a actuación dos profesionais do ensino público que, na súa maioría nomeados de xeito forzoso para equipos directivos do centro, poñen todo o seu saber, facer, profesionalidade e responsabilidade na mellora" do instituto.
Os docentes explican que "só entre 2010 e 2013" saíron do orzamento do centro "uns 100.000 euros" para "reparacións e mantemento" de elementos como a alarma, o ascensor, as caldeiras, elementos de fontanaría, electricidade ou informática. A esa cantidade, agergan, cómpre sumarlle 25.000 euros de 2014 e outros 35.000 de subministros. "Todo este conxunto de actuacións come boa parte do orzamento e unha parte inxente do tempo do equipo directivo" que, "en lugar de estar centrado en tarefas pedagóxicas, se ve continuamente requirido para estas necesidades". Así e todo, "as deficiencias e necesidades do centro rebordan, con moito, a capacidade de actuación do centro" tanto "a nivel económico" como "de toma de decisións, coñecementos técnicos e dedicación temporal".
O claustro denuncia humidades, filtracións, barreiras arquitectónicas e mesmo curtocircuítos que derivan "en incendio"
Na propia carta aberta o profesorado achégalle ao xefe territorial unha lista de "deficiencias que dificilmente se solucionarían a cargo dos orzamentos do centro" por afectar a elementos tan sensibles como a estrutura do edificio, cun aulario e zona administrativa de 30 anos de antigüidade que "precisan, nalgúns aspectos, reformas integrais" en ámbitos como tellados "de chapa metálica con nulo illamento" ou "terrazas sen cubrición" con "continuas entradas de auga". Un sistema de calefacción "totalmente obsoleto", caldeiras "con perdas e ruídos" que chegan a "molestar o normal desenvolvemento das clases", fiestras sen illar ou pingueiras forman parte dunha lista na que tamén se atopa a instalación eléctrica que, "especialmente na zona máis antiga, presenta continuos problemas, con saltos de liña, cortes e mesmo algún curtocircuíto que derivou en incendio".

A Xunta ve "política" nas reclamacións

A longa relación de desperfectos, que tamén dan lugar a un aspecto exterior "verdadeiramente lamentable" por falta de pintura fai que os docentes reclamen unha intervención inmediata da Consellería de Educación que, pola súa banda, respondeu iradamente a través dun comunicado que tamén publicou na súa web oficial. Nese comunicado o departamento de Jesús Vázquez acusa o claustro de "tentar poñer os seus intereses por riba dos demais centros educativos". "Non se comprenden as esnxencias que están a facer" despois de que "o director do centro e o alcalde da Pobra", Isaac Maceiras (PP), "acordasen desenvolver as obras no Nadal", acordo que "o director agradeceu".
A Consellería acusa o profesorado de "tentar poñer os seus intereses por riba dos demais centros"
A Xunta, di o documento, "estivo este verán a realizar melloras noutros centros educativos" que considerou "máis prioritarias" e "agora se comezarán a cubrir outras necesidades, como é o caso deste IES". Na liña do manifestado polo xefe territorial a Consellería sinala ademais que o instituto "podería realizar algunhas melloras" con cargo ao seu propio orzamento e, asemade, insiste en que as deficiencias son "fundamentalmente danos ocasionados pola falta de mantemento, polo que non é lóxico atendelas antes que outras". Neste escenario Educación "chama á responsabilidade" dos docentes e acúsaos de "utilizar" a "imaxe dalgúnhas alumnas e alumnos pintando as paredes do centro" como "clara instrumentalización política dun asunto que debería quedar estritamente no eido administrativo educativo".
A CIG apoia o profesorado ante o "ataque" do departamento de Jesús Vázquez
Ante este "ataque" ao profesorado a CIG Ensino manifestou este martes o seu "apoio" ao claustro do IES pobrense, ao tempo que censura que a Xunta "utilice a súa páxina web" para publicitar "un comunicado no que volve agredir o profesorado". "É indigno dun responsable educativo que pretenda que se gaste o orzamento destinado ao funcionamento do centro en reparalo e pintalo", indica o secretario nacional do sindicato, Anxo Louzao, quen ademais subliña que é "habitual que as autoridades educativas, ante a falta de argumentos, acusen de facer política a quen se mobiliza e demanda que a administración cumpra coa súa obriga". "Non se pode terxiversar a realidade, xa que a comunidade escolar reacciona ante unha actuación política da Consellería con total dignidade e lexitimidade", conclúe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario