A Coordinadora pide a marcha de Valentín García ante "os evidentes pasos atrás que está dando o galego, sobre todo no ensino"A CGENDL lembra que apreciou un "intento evidente" por parte da SXPL de "adormecer o clima de conflito en torno ao idioma", mais que non se albiscou "ningunha mudanza esencial nas políticas de fondo, sobre todo no referido ao ámbito do ensino". Así, destacan a falta de resposta aos equipos de normalización das demandas trasladadas á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) desde que foi nomeado. Entre elas, a Coordinadora reclamou "diálogo e negociación" con todos os actores sociais para "chegar a consensos amplos que permitan traballar nos obxectivos fixados na Lei de Normalización Lingüística". Pero nada se fixo, segundo os reclamantes. De todas as medidas propostas, a CGENDL lembra que a SXPL "non lle deu ningunha solución" a nada malia a súa "boa acollida" nun principio.
A CGENDL pediu a derrogación do decreto do plurlingüismo "por non garantir no alumnado a formación na lingua propia"En canto ao coñecido como decreto do plurilingüismo (79/2010), a CGENDL lembra que pediu a súa derrogación "por non garantir no alumnado a formación na lingua propia". Ao non ser así, exixiu unha análise das competencias orais en galego do alumnado, medidas para frear a desgaleguización maioritaria e acelerada no ensino, a mudanza da enquisa lingüística para Infantil (que foi anulada polo TSXG), medidas urxentes para sacar o galego da exclusión e marxinación á que está sometido nos centros plurilingües e a aposta por un plurilingüismo inclusivo.
Ademais, a Coordinadora pediulle a elaboración dun decreto de promoción do idioma galego "para asegurar que o alumnado rematase os seus estudos con plena competencia en ambas linguas oficiais", a implantación de liñas de galego en Infantil e de programas integrados de linguas, o fomento de recursos didácticos actualizados e de calidade en galego, a dotación de materiais en galego ao programa Abalar ou o apoio decidido aos medios de comunicación en galego. Nada se sabe.
Tamén solicitara a creación de contidos atractivos na TVG para a infancia e a adolescencia, a promoción dun discurso en positivo cara ao galego e dun impulso real das actividades normalizadoras dos Equipos, unha mellora na regulación de horas de dedicación para os membros destes Equipos, así como formación específica para eles. Do mesmo xeito, reclamaron que a TVG facilitase programas e filmes en galego para empregar nas aulas, a activación das coordinacións provinciais ou a avaliación real das competencias en galego do alumnado non universitario.
Os equipos lembran que o único mandato positivo do decreto, a avaliación das competencias do alumnado, non se está a cumprirA Coordinadora lembra que "cuestións tan preocupantes como as que o decreto 79/2010 introduciu nos centros de ensino empeoraron a xa complicada situación da nosa lingua". E ademais, din, non está a cumprir o único mandato positivo que recolle o devandito texto: a avaliación das competencias do alumnado, feito que "mostraría que a maioría dos e das escolares de zonas urbanas e periurbanas están lonxe de acadar o mesmo nivel en lingua galega ca o que teñen en lingua castelán".
"Implantáronse lexislacións lesivas para o noso idioma e un discurso nefasto cara á lingua asentado nos órganos de poder""A SXPL non organizou ningunha acción efectiva para prestixiar o galego no conxunto da sociedade, paso básico para que se poida impulsar a súa normalización nos diferentes ámbitos, especialmente no ensino", insiste quen denuncia "a falta de concienciación das familias ou o nulo investimento en programas que busquen a normalización real do galego". "Só son algunhas mostras da inacción que caracteriza a xestión do SXPL no ámbito educativo á que se lle suman lexislacións lesivas para o noso idioma e un discurso nefasto cara á lingua asentado nos órganos de poder", aclaran.
Cando se cumpren dez anos da aprobación unánime no PXNL, Valentín García "non foi capaz de retomar nin o máis mínimo punto en común do consenso acadado hai unha década e mantense en postulados de inacción, figuración, incompetencia na xestión e complicidade coas propostas máis regresivas cara á lingua galega". "Se aínda lle queda un mínimo de dignidade, debe presentar a demisión", finaliza a Coordinadora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario