A
asociación dirixirase ao presidente da Xunta para lle facer chegar o
seu informe sobre o PXNLG e instalo a que retorne ao consenso. Do mesmo
xeito dirixirase ás principais institucións culturais e lingüísticas do
país.
A iniciativa da Mesa coincide co décimo aniversario da aprobación unánime do Plan Xeral de Normalización no Parlamento Galego.
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2014. – O
día no que se cumpren dez anos da aprobación unánime do Plan Xeral de
Normalización da Lingua Galega, A Mesa pola Normalización Lingüísitica
anunciou que contactará cos diferentes grupos políticos presentes no
Parlamento, a Xunta, e as principais institucións e entidades culturais e
lingüísticas do país para lles facer chegar o seu informe e impulsar
dunha vez o cumprimento do PXNLG.
O informe da Mesa, presentado a semana pasada (e ao que se pode acceder nesta ligazón),
analiza a situación actual da lingua galega en relación ao nivel de
cumprimento dos obxectivos e medidas contemplados no PXNLG e na actitude
que mantén a actual Xunta de Galiza aos respecto. Nesta avaliación e
grazas ao que a entidade tivo oportunidade de constatar nestes anos
polas denuncias e queixas que lle chegan cada día, a asociación en
defensa da lingua galega concluía que “o nivel de incumpriento dos obxectivos e medidas do Plan Xeral é escandaloso”.
Neste sentido, A Mesa pola Normalización
Lingüística destacaba a necesidade de “retornar ao consenso de 2004 por
parte de quen o rompeu, o Partido Popular e o Presidente da Xunta, que
ten a obriga de aplicar o PXNL”, así como dun “compromiso explícito e
efectivo co PXNLG por parte do goberno e actuacións lexislativas que
desenvolvan o contemplado nas medidas acordadas neste” e reclamaba a
derrogación de “todas as disposicións legais contrarias ao PXNLG,
nomeadamente as relacionadas co ensino e coa admisnitración”.
Con este obxectivo, A Mesa fará chegar a súa
análise tanto ao presidente da Xunta e ao Secretario Xeral de Política
Lingüística como ao resto de grupos políticos representados no
Parlamento de Galiza, ás principais institucións culturais e
lingüísticas do país, como a RAG e o Consello da Cultura Galega, e as
principais asociacións, sindicatos e entidades involucradas na promoción
do galego.
“O goberno de Feixó dedicouse nestes cinco anos a
desmantelar un por un os acordos en torno á lingua”, sinalou Maceira,
“incumprindo a súa palabra de deputado, ignorando a lei e facendo
ouvidos xordos aos mandatos parlamentares”.
Marcos Maceira: “O informe que presentamos a
pasada semana evidencia que a política lingüística levada a termo polo
Goberno de Feixó nestes últimos cinco anos non só non aplicou as medidas
acordadas no Plan Xeral, senón que en moitos casos lexislou en sentido
contrario, e para imposibilitar na práctica a consecución dos obxectivos
marcados, como demostra de xeito paradigmáticos o caso do ensino e o
decretazo contra o galego, que supuxo unha involución sen precedentes”.
“As consecuencias do incumprimento e da renuncia á palabra dada en forma
de acordo unánime no Parlamento están á vista: retroceso sen
precedentes no número de falantes, desaparición da lingua galega da
Educación Infantil das cidades, vulneración de dereitos lingüísticos e
cidadáns en inferioridade de condicións das persoas galegofalantes no
seu propio territorio, por non falar da imposibilidade de ver un filme
en galego nunha sala comercial ou de ter a opción ao galego en productos
audiovisuais...”
Para A Mesa, o Partido Popular e o actual
presidente teñen que “demostrar que o acontecido o 22 de setembro de
2004 non foi unha fraude”, e que teñen capacidade de rectificar, xa que
“ao non aplicar o PXNL ou actuar en sentido contrario das medidas que
estabelece está a causar graves prexuízos á lingua e á cidadanía galega,
que fale ou non galego quere que o noso principal sinal de identidade
continúe vivo” afirman desde a entidade cidadá.
Desde asociación en defensa da lingua defenderon a
necesidade de retomar o consenso en torno á promoción da lingua, e
lembráronlle a Feixó as palabras coas que Manuel Fraga introducía o Plan
Xeral:
“O galego, lingua propia de Galicia como establecen
a Constitución e mailo Estatuto, non pode ser utilizado como un
instrumento político nin como arma partidaria. A nosa fala constitúe o
cerne central da nosa identidade, o alento e alma do pobo galego, e como
tal, debemos traballar todos moi unidos e na mesma dirección. A defensa
do galego é algo moi serio e debe levarse a cabo sen falsidades nin
demagoxias baratas.”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario