A lingua galega está en situación de emerxencia en risco de autodestrución por “bioperversidade” alertou o escritor Manuel Rivas ao recoller o premio “Celanova, Casa dos Poetas”. Ao seu ver urxe unha alianza entre tod@s, “esquerda e dereita, nacionalistas ou non” para crear un hábitat no que medre feliz.
Recibía a XXX edición do Premio Celanova Casa dos Poetas e aproveitou a ocasión para demandar unha alianza pola lingua, de “esquerda e dereita, nacionalistas ou non” co fin de crear un “hábitat” coas condicións precisas para garantir o seu futuro. A defensa dunha nova alianza social de Manuel Rivas devén da súa análise da situación da lingua galega que, segundo entende, está nunha situación de “emerxencia” en risco de autodestrución polo que chamou “bioperversidade”. “Rescatar a lingua de pleno dereito, que non sexa un refugallo”, reclamou Rivas no acto de recollida do premio, no seu berro por un “novo Rexurdimento”.Botou man o escritor e xornalista do título de Celso Emilio, Onde o mundo se chama Celanova, para defender o “local universal” e manifestou sentirse da xeración de Curros, un “librepensador, republicano federal e xornalista valente”.
Compartiu Manuel Rivas o premio co tamén escritor e músico Xurxo Souto, encargado do discurso no que comparou a Rivas con Manuel María, Otero Pedrayo. “Rivas expresa o que todos estabamos a sentir e ninguén se atrevía a contar”, sinalou Souto para quen a palabra do autor de Os comedores de patacas é “a rebelión da realidade”. Situou a Rivas nas Encrobas, a bordo do Xurelo ou nas mobilizacións de Nunca Máis para mostrar a face de “xornalista valente” que o escritor dixo admirar en Curros Enríquez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario