Vázquez celebra o inicio das clases en Facebook, cun comunicado e cun arquivo de audio
Máis de 200.000 escolares galegos de infantil, primaria e educación especial empezaron onte o novo curso -o que incorpora os primeiros cambios introducidos pola lle lei Wert que afecta a 135.000 alumnos de primaria- con "total normalidade", segundo repetiu onte o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. Insistiu nese dato a través de diferentes soportes: dende a súa conta de Facebook, por comunicado de prensa e mediante un audio de mp3 difundido polo seu gabinete de prensa. Por primeira vez, o ano escolar comezou en Galicia sen a celebración dun acto oficial presidido polo máximo responsable de Educación.A Vázquez esperábano pais, alumnos, profesores e sindicatos -neste último caso para manifestarlle a súa oposición ao "desmantelamento" do ensino público- no CEIP Padre Feijóo de Allariz. Ata o último momento, a dirección e titores do colexio indicaron a docentes e pais que asistiría o conselleiro. "O escurantismo foi total", protestaron ao constatar que non se presentaba e asistía a un acto, en Santiago, co agregado cultural da embaixada de España en Francia.
Vázquez non apareceu, nin no de Allariz nin en ningún outro colexio de Galicia, nun momento no que a comunidade educativa dá a voz de alarma pola "precipitación" na implantación da Lomce, que supoñerá "unha perda de calidade" do ensino superposto ás consecuencias dos recortes.
Aos docentes e equipos directivos que protestan pola "improvisación" á que deberán recorrer este novo curso para adaptar as súas materias á sétima reforma lexislativa da democracia, o conselleiro de Educación agradeceulles dende os distintos medios que utilizou -tras desmentir as súas queixas o día anterior- o "esforzo realizado para coordinar a posta a punto dos centros", o que na súa opinión evidencia "a súa profesionalidade e implicación". Tamén se referiu con gratitude ás Anpas, destacando o papel das familias por "o importante labor que desenvolven no proceso educativo".
O conselleiro ten confirmada a súa asistencia ao acto inaugural estatal do novo curso que, con presenza dos Reis de España e do ministro de Educación, se celebrará o próximo martes no CEIP Ben-Cho-Sei de Pereiro de Aguiar, en Ourense.
Ningún comentario:
Publicar un comentario