Hoxe presentáronse
en Santiago os resultados dunha investigación sobre os hábitos
tecnolóxicos, a nivel galego, dos nosos rapaces e rapazas de
Secundaria. O informe foi elaborado a raíz da colaboración
entre a Consellería de Cultura e Educación, a Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o Valedor do Pobo e
a Universidade de Santiago. O seu obxectivo de saída foi o de
“afondar nos programas de prevención de riscos no uso das novas
tecnoloxías por parte da mocidade”. No estudo participaron un
total de 255 centros de ensino de toda Galicia e máis de 44.000
estudantes de entre 12 de 17 anos. Faise saber nel que preto dun
terzo dos rapaces contactaron con descoñecidos a través da Rede.
Segundo fixeron saber os
representantes dos ditos departamentos e entidades, é “crucial
formar a orientadores e persoal docente no uso racional e responsábel
da Internet e as TIC entre os adolescentes”.
Así se expresou
precisamente o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez,
para quen o feito de que máis do 71 por cento dos alumnos da ESO
empreguen Internet a diario e que o 93 por cento dos mesmos estea
rexistrado nalgunha rede social, ou que un de cada tres adolescentes
dispoñan do seu primeiro móbil antes dos 11 anos “son datos de
abondo importantes para convidarnos a reflexionar e comprometernos
todos, administracións, educadores e familias”.
No estudo constátase,
entre outras cousas, que o 31,4 por cento dos enquisados contactaron
con descoñecidos a través da Internet e o 8,9 por cento sentíronse
algunha vez ameazados ou humillados a través das redes sociais,
mentres que nun 6,8 por cento de casos foron eles os que ameazaron a
outros.
Polo que respecta á
intervención da directora da AMTEGA, Mar Pereira, fixo saber que a
prevención, baseada na información e na educación, “é a clave
para evitar a proliferación destes casos e para que os adolescentes
saiban como actuar ante unha situación deste tipo”. Pereira dixo
tamén que “a Administración pública é consciente de que a forma
de abordar esta problemática é en colaboración con todos os
axentes implicados, educadores, pais, nais, menores e profesionais do
ámbito tecnolóxico”. A directora de AMTEGA quixo lembrar que
semellante filosofía é a que alenta as iniciativas de divulgación
desenvolvidas en colaboración cos colexios profesionais de
enxeñeiros en informática e enxeñeiros técnicos en informática
(CPEIG e CPETIG), iniciativas como Navega con Rumbo, ou o acordo
asinado este ano co Centro de Seguridade en Internet ‘Protégeles’
para realizar diferentes actuacións que fomenten o uso seguro e
responsábel das TIC.
Ningún comentario:
Publicar un comentario