xoves, 11 de setembro de 2014

A CIG-Ensino denuncia a precarización do ensino público, os recortes de profesorado e a supresión de unidades diante da consellaría de Educación

Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse na mañá deste mércores 10 de setembro.

Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse na mañá deste mércores 10 de setembro diante da consellaría de Educación, coincidindo co comezo do curso escolar en Infantil e Primaria, para denunciar os recortes de profesorado, a supresión de unidades, a masificación das aulas e a precarización do ensino público, mentres se favorece o ensino privado concertado.
“O inicio do curso preséntase sumamente conflitivo, con grandes carencias no ensino público de profesorado ou aulas masificadas mentres se seguen a ampliar os concertos educativos, aquelas unidades que se subvencionan ao 100% co erario público”. Así retrataba o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o comezo dun curso escolar que se inicia con 79 unidades de creación nova en centros privados concertados, mentres se suprimen 63 unidades no público.
A isto engadía que mentres hai moito profesorado sen traballo, as demandas dos centros non son atendidas ou se intentan cubrir desde a consellaría de maneira moi parcial ou insuficiente. “Neste momento hai máis de 1.200 profesores/as que van impartir unha materia da cal non son especialistas e máis de 500 profesores/as que teñen que impartir docencia en máis de un centro.  Numerosos teñen unhas rateos por encima do estabelecido legalmente e os centros ven como non se lles cobren as necesidades que teñen aínda que estean nos catálogos”, afirmou.
Esta situación agrávase aínda máis pola aplicación da LOMCE. Unha Lei que Louzao lembrou que foi rexeitada maioritariamente,  que o único que fai é privatizar aínda máis o ensino e que denunciou polo seu carácter “confesional”, por externalizar o sistema educativo, por “desautorizar” o profesorado e “segregar ao alumnado”.
Neste sentido denunciou que aínda onte se publicaron os currículos para a aplicar en Primeiro, Terceiro e Quinto de Primaria, cando o curso comezaba hoxe. Por iso considerou que esta “é a mostra máis palpábel de que estamos ante un conselleiro de Educación que o único que quere é actuar como un vasalo de Madrid e non en función dos intereses dos galegos e galegas e dun sistema educativo de calidade”.
Xunto a isto, a consellaría publicou aínda onte a resolución definitiva de destinos provisionais do profesorado de Secundaria, cando falta menos dunha semana para o comezo de curso.
Dimisión ou inhabilitación do concelleiro
O secretario nacional da CIG-Ensino denunciou ademais o proceder do conselleiro de Educación, por ser “ insubmiso” aos tribunais de xustiza. Sinalou que a CIG leva  gañados máis de 17 recursos que abranguen aspectos que favorecen ao profesorado ou ao ensino no seu conxunto.  Entre outros sinalou a sentenza referida ás subvencións ao 100% aos centros que segregan por razón de xénero e denunciou que non canto de acatala o que fixo a consellaría foi modificar os concerto educativos para manterlles a estes centros as subvencións.
Ante isto reclamou a súa dimisión ou inhabilitación para exercer cargo público porque “non lle interesa o sistema educativo galego, nin lle preocupa que o curso principie cos problemas arranxados. O que lle interesa é trasladar ao ensino unha ideoloxía reaccionaria en beneficio do privado concertado en lugar de pular por un sistema educativo en Galiza igual para todos que garanta o dereito mínimo á igualdade de oportunidades, ao servizo do propio país e do desenvolvemento da nosa sociedade”.
A CIG-Ensino tamén fixo un chamamento a participar na concentración que convoca a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para o 16 de setembro en Pereiro de Aguiar coincidindo coa inauguración do curso escolar.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario