CCOO, UGT, STEG e CIG mobilizáronse ante o inicio do curso para denunciar os recortes e a precarización do ensino públicoOs sindicatos denuncian que se carguen os custos da crise económica sobre os profesores, incrementando a súa carga de traballo ou minguando o seu poder equitativo. Tamén censuran a redución da oferta educativa na formación profesional básica -que se reduciu en máis de 520 prazas este ano- ou que, mentres isto ocorre, se "desvíe o diñeiro a mans privadas" como ocorre no caso dos centros que segregan o alumnado por razón de sexo e que seguen a ser subvencionados pola Xunta. "Isto é posible grazas á Lomce, xa que a lexislación anterior prohibía que recibisen axudas", explica Luz López, secretaria xeral de CCOO-Ensino.
A implantación "apresurada" da Lomce supón un problema engadido para os centrosPorque a lei Wert é un problema engadido. As diferentes organizacións de anpas galegas, así como os sindicatos, xa advirten da "multiplicación de problemas" que suporá a Lomce nun ensino público galego danado por anos de recortes. Denuncian o "apresurado" da implantanción da norma, tanto que Galicia volve ser unha autonomía pioneira na aplicación das medidas máis controvertidas do Goberno central de Mariano Rajoy. Tan axiña se fai, que en agosto, vía DOG, unha orde fixou os currículos de 1º, 3º e 5º de Primaria nos que se empezará a aplicar a lei, malia que os propios directores de centros recoñecen que non saberán como se van aplicar as novidades. E un día antes do comezo do curso publicouse o decreto de aplicación da nova normativa.
A CIG, ademais, lebra que este inicio de curso "vén marcado pola negativa da Consellería de Educación a cubrir vacantes solicitadas polos centros", unha situación que, din, "agrávase pola falta dunha oferta de emprego público ampla nos últimos anos que responda ás necesidades do ensino público, debido á taxa de reposición do 10%".
Anxo Louzao cre que o peor do curso é que non se atende "a permanente demanda" de profesorado por parte dos centros e asegura que non hai outro remedio que protestar ante un curso que "comeza con máis alumnos por aula".
Ademais, tal e como fixo hai poucos días e coincidindo coas peticións doutras centrais, a responsable de CCOO-Ensino insiste en pedir a dimisión do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, por "mentir no Parlamento de Galicia" cando afirmou que se cumpriría a lei no tocante aos libros de texto. "Pola contra, o departamento educativo envioulles unha instrución por escrito aos centros a comezos do verán, permitíndolles cambiar os libros sen permiso da Administración, circunstancia que vulneraría a lexislación na materia", explica. "Malia que a devandita instrución foi retirada, na práctica si se cambiaron libros de texto en varios cursos da educación primaria", dixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario