Por segunda vez debátese no pleno do Parlamento o Plan de Normalización Lingüística. Se hai dez anos contou co consenso de todos os grupos, incluído o PP presidido por Fraga, desta volta o partido do goberno rexeitou a iniciativa do BNG que esixía o seu cumprimento.
“Todas as medidas que se contemplan no Plan non se poden aplicar de materia inmediata nin uniforme”, respondeu o deputado do PP, Agustín Baamonde, á iniciativa presentada pola parlamentaria do BNG, Ana Pontón que se encamiñaba a esixir o cumprimento do Plan de Normalización Lingüística que esta semana cumpría os dez anos da súa aprobación por unanimidade na mesma cámara do Pazo do Hórreo.O PP sinala que non se poden aplicar todas as medidas do Plan e racha de maneira explícita un consenso que xa tiña fracasado na práctica. A deputada Ana Pontón deixouno á vista ao debullar unha situación na que a discriminación segue a se impoñer sobre quen quere desenvolver a vida na nosa lingua. “Non queremos traer coroas de flores para certificar o enterramento que fixo Feijóo do Plan”, dixo Pontón quen defendeu un “cambio de rumbo” na política lingüística do goberno. Malia iso, do PP non ía obter nin un sinal de mudanza nas súas posicións, o deputado Agustín Baamonde apurouse a lembrar que o Plan carecía de rango de lei co que cuestionaba tamén o seu cumprimento e a ilegalidade de actuacións contrarias ás medidas que recolle. Acusou tamén á oposición de ter sido responsábel da perda do consenso na aprobación do decreto do 2007, co bipartito no goberno.
Sen cambio de rumbo e cun abano de incumprimentos
Referiuse Pontón ás palabras do escritor Agustín Fernández Paz nas que afirmaba que as persoas galego falantes sabían que “a liberdade lingüística é limitada” e recoñecía atrancos que non tiñan os españois falantes e defendeu o dereito a vivir en galego con normalidade. “Non queremos ser galegos e galegas de segunda. A igualdade non existe e a discriminación é evidente para a lingua propia que creou o noso pobo”, afirmou a deputada, antes de botar man dun abano de datos para confirmar o incumprimento do plan no goberno de Feijóo. Lingua desaparecida das escolas infantís, só o 4% das sentenzas xudiciais en galego, nula presenza no cinema, ausencia dun diario en galego e falta de apoio para iniciativas que levan a nosa lingua á prensa, docencia de menos dun 20% en galego na Universidade e marxinación no mundo da empresa ademais de abandono de sectores claves como o editorial foron algúns dos exemplos que a deputada nacionalista puxo para esixir o fin do que chamou “política de demolición que busca manter a desigualdade e contraria ás leis do ordenamento galego”.
Pediulle a deputada responsábel da iniciativa ao PP que “abandone a hostilidade e volva ao consenso do Plan de Normalización Lingüística”, mais só conseguiu o apoio de AGE a través do seu deputado Xabier Ron e do PSOE por medio de Francisco Caamaño. Ron definiu o plan como unha “ferramenta preciosa” e reclamoulle ao PP que se erguera do “diván freudiano” e apoiara a iniciativa mentres Caamaño falou do PP referíndose aos seus “dirixentes cun complexo profundo” que poden conducir ao galego a unha situación semellante “ao latín, unha lingua morta mais algúns ímonos rebelar contra esta situación.