xoves, 11 de setembro de 2014

La Vuelta pasa por “Puentedeume” y por “Puente de las Pías”, segundo a Deputación da Coruña

Marcos Maceira critica a “exclusión do galego en toda a cartelaría pagada con fondos públicos que inza Galiza estes días con motivo do evento deportivo”.

A Mesa denunciou esta mañá unha nova agresión á nosa toponimia por parte da institución que preside o popular Diego Calvo. Segundo o itinerario da etapa da volta ciclista colgado na páxina web da Deputación da Coruña, a etapa da Volta que sae este mércores de Ortigueria en dirección á Coruña pasará polos inexistentes Puentedeume e Puente de las Pías. 
 
“Resulta extremadamente grave que a propia Administración, que debería velar pola protección do noso patrimonio cultural, sexa quen teime na deturpación da nosa toponimia, con actitudes que deberían estar superadas desde hai décadas”, denuncia esta entidade.
 
Neste sentido, A Mesa lamentou o que considera unha mostra máis da “minusvaloración do noso” e do “desprezo cara á cultura galega que está a caracterizar o mandato de Diego Calvo na Deputación da Coruña”.
 
O presidente, Marcos Maceira, lembrou que a toponimia “é un patrimonio inmaterial que atesoura parte da historia do pobo galego, cuxa deformación e hibridación é “unha das secuelas visíbeis do proceso de substitución e exclusión do seu territorio natural que o idioma da Galiza leva séculos padecendo”.
 
 “Xunto á deturpación da toponimia chama a atención escandalosamente a exclusión do galego de toda a cartelaría que inza Galiza estes días con motivo do evento deportivo, moita con financiamento público, ou os sinais de tránsito que a Deputación coruñesa está a instalar sen unha palabra en galego” indicou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario