luns, 15 de setembro de 2014

A crise e o paro empurran os mozos á formación en oficios

  • O número de alumnos matriculados en estudos de Formación Profesional aumentou un 26,7% dende 2008.
  • Os expertos alertan de que sen unha FP competente tampouco haberá futuro laboral.

O número de alumnos matriculados en estudos de Formación Profesional aumentou un 26,7% dende 2008. Dende entón, fuxindo da crise e as malas perspectivas laborais, miles de mozos -serán 697.408 neste curso que acaba de empezar, segundo as previsións do Ministerio de Educación- volveron a mirada cara ao ensino de oficios coa esperanza de que unha mellor preparación os faga máis competitivos á hora de regresar ou de incorporarse ao mercado de traballo. Actualmente, segundo estatísticas oficiais, o número de contratos realizados aos Titulados de Grao Medio e Superior de FP superan os dos que finalizaron estudos universitarios. Non obstante, alertan os expertos, esta diferenza xa comezou a diminuír e é probable que o faga máis nos próximos anos debido á situación conxuntural de crise que vive o país e ao aumento dos matriculados neste tipo de estudos.

Óscar Molina, profesor da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), cre que outro dos aspectos que puido contribuír a este auxe está relacionado coa toma de conciencia sobre o que significa a "sobrecualificación". "Fómonos decatando de que ter unha carreira non é un seguro de emprego", amplía.

Ademais, os entendidos na materia alertan de que sen unha formación en oficios competente tampouco haberá futuro laboral. "A FP necesita unha profunda renovación, non un lavado de cara. E iso pasa por favorecer unha relación máis directa co tecido empresarial, que as empresas deixen de ser vistas como un punto de chegada", di José Luis Belver, profesor da Universidade de Oviedo. Segundo este experto en análise e seguimento da Formación Profesional para o Emprego, a clave é apostar por unha formación máis flexible e por traballar de forma proactiva.

Ademais da implicación dos empresarios, aos que ve afastados da realización de plans de formación e de seguimento dos estudos, Molina cre que o éxito pasa pola descentralización do sistema. "As necesidades de formación teñen que avaliarse a nivel local", explica. Nese sentido, pon de exemplos de bo funcionamento os ciclos formativos postos en marcha en Terrassa ou Sabadell á calor da industria téxtil ou en Canarias arredor do turismo.

A FP dual, un modelo importado de Alemaña que combina clases teóricas con prácticas remuneradas nunha empresa, estase a implantar a contagotas no sistema español. Case todas as autonomías xa ofertan algunhas formacións deste tipo -Aragón, Navarra, Comunitat Valenciana, Andalucía e Canarias iniciaranas este curso-, pero o seu desenvolvemento non está unificado en todas as comunidades. O Ministerio de Educación non ofrece cifras do número de persoas que a reciben. O seu éxito ou o seu fracaso, advirten os expertos, verase a medio ou longo prazo e dependerá de como se aplique. "Se copiamos o modelo alemán nos mesmos termos corremos o risco de ir para atrás en lugar de camiñar. A clave está en adaptalo, sinala Belver.

Nesta liña, Molina aposta por levar a FP dual aos institutos, por forzar aos empresarios a implicarse no modelo. "Nos últimos anos, a onda migratoria levou as empresas a usar o recurso máis barato, que é a forza de traballo en lugar de investir en formación. Iso é o que agora ten que cambiar e para eles fai falta investimento público, pero tamén financiamento privado. Ten que volver fluír o crédito", amplía.

Elevado custo

O certo é que o
principal problema deste modelo, sobre todo en tempos de crise e recesión é o elevado custo, que en Alemaña sustentan na súa maior parte as empresas: uns 18.000 euros por estudante e ano. O modelo tamén está no punto de mira dos sindicatos, que o consideran un brinde máis ao sol máis do Goberno e que denuncian que "pode facer máis precarias aínda as condicións dos traballadores". Unha implantación á alemá -baseada no financiamento das empresas- tampouco convence a patronal. Nunha circular difundida o pasado abril, a CEOE queixábase do seu elevado custo e animaba os seus socios a desviar estas contratacións ás ETT ou mediante subcontratas.

Entre os riscos da instauración da FP dual, analiza Belver, está a "desregularización" da oferta formativa porque, ao seu xuízo, existe o perigo de ceder demasiada responsabilidade a mans privadas.

Non obstante, ademais dos factores económicos, no repunte das matriculacións en FP si parece haber na sociedade española un cambio de mentalidade respecto á FP. "As titulacións universitarias manteñen aínda certo recoñecemento social, pero non en termos de eficacia", asevera Molina. "Niso si avanzamos algo", di, pola súa banda, Belver. E deixa unha frase para a reflexión: "Un pai alemán prefire que o seu fillo sexa un bo obreiro a un pésimo avogado, aquí iso non acontece".

Ningún comentario:

Publicar un comentario