Denuncian unha redución de máis de 1.500 docentes nos últimos cursos e a duplicación da cifra de persoal interino, que se sitúa en case o dez por cento.
Fronte aos recortes do PPdeG, unión sindical. Iso foi o que fixeron este mércores a Federación do Ensino de Comisións Obreiras de Galicia (CC OO-Ensino), UGT e STEG que
realizaron unha concentración de delegados e delegadas do ámbito
educativo na localidade ourensá de Allariz para denunciar os recortes no
ensino público.
Segundo denunciaron, os últimos cursos a Administración autonómica reduciu en máis de 1.500 o número de docentes, ao tempo que duplicou a cifra de persoal interino, que se sitúa actualmente en case o dez por cento.
Ademais, denunciaron que se pretenda cargar sobre o profesorado os
custos da crise económica, incrementando a súa carga de traballo e
minguando o seu poder adquisitivo ata un 21 %. Por iso, os sindicatos do ensino insisten en pedir a dimisión do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, por “mentir no Parlamento de Galicia”.
Luz López, secretaria xeral de CC OO-Ensino, salientou nun comunicado a
“profesionalidade” do colectivo docente, que, “malia todo, continúa
esforzándose para manter os parámetros de calidade educativa”. Tamén
critica a redución da oferta educativa na formación profesional básica.
“A Consellaría de Educación presume de promover a FP, pero o certo é que
a oferta para este curso diminuíu en 520 prazas”, explicou López.
Ningún comentario:
Publicar un comentario