Os dominios .gal pódense solicitar dende este martes dentro dunha
nova fase de lanzamento deseñada para grupos con dereitos preferentes,
coma por exemplo as entidades que promoven o galego, administracións
públicas, propietarios de marcas, etc. A Asociación puntoGAL presentou
onte ao mediodía as súas características e prezos base na sede da Real
Academia Galega (RAG) na Coruña.
Cinco categorías de prioridades no Abrente
A fase de lanzamento está formada pola posta en marcha dos programas
Abrente e Carreira. Dentro do Abrente pódense solicitar dominios en
cinco categorías:
1.- Marcas validadas na Trademark Clearing
House (TMCH), unha base de datos de marcas internacionais establecida
por ICANN, o organismo que goberna as direccións da Internet.
2.-
Marcas do TMCH que non cumpren cos requisitos para usar un .gal, pero
queren asegurarse de que a súa marca non sexa rexistrada, aínda que non
activen inicialmente a súa páxina baixo os requirimentos de dominio
.gal.
3.- Administracións públicas de calquera ámbito con
competencia en Galicia e entidades de promoción da cultura e da lingua
galegas. Institucións e entidades (consorcios, axencias, comisións,
fundacións, asociacións, etc.) poderán solicitar, entre outros, nomes
xeográficos con relevancia, os propios nomes das entidades, o dos seus
servizos en liña e as súas marcas rexistradas.
4.- Marcas rexistradas a calquera nivel con validez en Galicia. Tamén as denominacións de orixe rexistradas.
5.- Calquera que tivese ata agora unha web, un portal web, etc., e
veña promovendo a cultura galega e utilizando a lingua galega nas súas
comunicacións en liña baixo outro dominio pode solicitar o seu propio
nome ou o nome dos dominios rexistrados e usados.
O prazo de
todas as categorías do Abrente remata o 18 de novembro, salvo a
categoría 3, que remata o 25 de novembro. No caso de se presentaren
varias peticións para o mesmo dominio, terá preferencia o solicitante
pertencente a unha categoría superior, tal e como obrigan as normas da
ICANN.
Máis barato para os que xa apoian o galego
Os prezos base varían segundo a categoría. A Asociación puntoGAL
salienta que fixo un esforzo para que poidan gozar dun prezo menor
aqueles que promocionan a cultura galega e xa apoian o idioma empregando
o galego na rede, e as institucións e entidades que teñen un papel na
súa promoción.
Por iso as categorías 3 e 5 partirán dun prezo
base aproximado de 50 euros por dominio por ano. Seguindo a mesma
lóxica, no Abrente o prezo base máis alto, 170 euros, é para a categoría
2, as marcas que queren defender o seu dominio pero que non van
contribuír á promoción do galego na Rede usando o .gal . As categorías 1
e 4 teñen un prezo intermedio, 65 euros.
Con todo, o prezo
final para o consumidor non o fixa puntoGAL, senón os rexistradores
acreditados por ICANN que apostaron por traballar co .gal. Os prezos
citados aquí son polo tanto prezos base e aproximados, e cada
rexistrador pode realizar libremente ofertas diferentes.
Máis información en Galicia Confidencial e en Praza Pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario