luns, 22 de setembro de 2014

Dez anos de agonía lingüística

Cúmprese o 10º aniversario da aprobación no parlamento galego do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este documento constituíu un fito importante, pois era a primeira vez que se puña en marcha un plan integral de normalización do galego ante a perda xeral de falantes e o alarmante descenso do seu uso na mocidade urbana. Con tal motivo, ProLingua, plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega, fai un chamamento para conmemorar esta efeméride con sentido crítico e reivindicativo. Este o artigo que, con tal fin, remite Marcelino Fernández Mallo.

Acaba de ocorrerme hai uns minutos, hoxe mércores, 18 de setembro de 2014 na cidade da Coruña. A tres días do décimo aniversario do Plan de Normalización Lingüística. 
 
Subo no ascensor cunha moza, estudante supoño, duns vinte anos. Pregúntolle se alugaron elas o apartamento fronte ó noso. Responde: como? Repítollo en castelán. Pregúntolle entón polo curso que está a facer. Volve responder: como? Repítollo en castelán e consulto a súa procedencia. Contesta que é galega pero que, ao ninguén falarlle nunca en galego e non ver ela a TVG, pois que ten problemas para entendelo. 
 
Alguén podería afirmar que o anterior resulta un exemplo atípico, que a mocidade de Galicia en xeral coñece a lingua do País. Quizais. Máis alá das individualidades, o caso reflite dúas realidades: ninguén lles fala en galego ós mozos e menos aínda utilizan a lingua autóctona entre eles. 
 
Se entre a xente nova o idioma de Galicia amosa unha presenza testemuñal, no mundo adulto o seu retroceso, ou falla de recuperación, confírmase na maioría das esferas ou manifestacións sociais: nos medios de comunicación (xornais, emisoras de radio, canles de TV), nas actividades de lecer, nas relacións veciñais, nos ámbitos empresarial e profesional (malia os bravos intentos dalgúns), nas finanzas, nos servizos, na xustiza, na sanidade, no eido universitario, no ensino infantil e incluso na educación obrigatoria e no bacharelato. Un exemplo paradigmático: a situación de marxinalidade e emerxencia da literatura galega. 
 
Houbo un momento en que a cousa ofrecía unha fasquía ben distinta, un tempo no cal o conxunto da cidadanía puxaba a prol da reanimación do elemento principal da nosa idiosincrasia. Recoñecíase a necesidade esencial de protexer e abrazar unha lingua que nos identificaba ante o mundo, nin máis nin menos, un feito diferencial básico que catapulta os nosos valores como colectivo. 
 
O Parlamento daquela fíxose eco deste sentir e tomou como propia a misión de inserir o idioma propio nos mecanismos de comunicación dunha sociedade afeita, ás veces mesmo resignada, ao desprezo institucional cara ao seu código autóctono de expresión. Os galegos non eramos menos ca ninguén e así pois a nosa lingua tampouco non era menos ca ningunha outra. 
 
O 21 de setembro de 2004 estaba destinada a converterse nunha data histórica para a lingua galega. Tras séculos de persecución, penalización ou simple desleixo, as forzas políticas elixidas democraticamente sinalaban o abrente dun tempo novo. Dalgún xeito, o Parlamento propuña elevar a legal aquel lema “Entre nós, en galego” difundido anos atrás polo goberno galego (do Partido Popular, por certo). Aquel 21 de setembro de hai agora dez anos, as tres forzas con representación en San Caetano votaron conxuntamente o Plan de Normalización da Lingua Galega. 
 
O PXNLG foi elaborado con visión estratéxica, sentido de País, intelixencia e pragmatismo. Este documento exemplar recolle catrocentas corenta e cinco medidas dirixidas a favorecer o uso do idioma nos distintos ámbitos da sociedade. Concibido coa participación de máis dun cento de profesionais representativos de distintos eidos sociais, perseguía entre outros os obxectivos seguintes. 
 
Garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexase. 
 
Conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e novos espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos. 
Introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística. 
Promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega.
 
Ademais do carácter executivo e específico do plan, apreciábase unha vocación de harmonía e entendemento así como unha vontade de actuar en positivo que non tardou tristemente en chimpar polos aires. E aquela data que nacía como sinal de esperanza foise esluíndo a medida que o documento perdía vixencia e se abandonaba no recanto máis afastado dos andeis administrativos. 
 
Os gobernos posteriores encargados de execución do Plan, ou ben amosaron escaso entusiasmo dadas as instrucións chegadas da meseta, ou ben careceron da sutileza necesaria para o seu impulso coa conveniente complicidade social. 
 
A Xunta actual vai aínda máis aló. Non so renega, mesmo en público, do Plan de Normalización senón que lexisla descaradamente na dirección contraria. O goberno Feijoo demostrou unha carraxe inaudita contra a lingua propia do País ata tal punto que as súas primeiras iniciativas, incumprindo ademais o propio Estatuto de Autonomía, se dirixiron a reducir a relevancia e presenza do galego na administración e a restrinxir dun xeito brutal o seu papel no ensino, ao tempo que dificultaba dende o principio os proxectos artellados en galego e as accións a prol da lingua. Esta postura, que parece máis propia dun goberno invasor que dun executivo autónomo, non ten parangón na historia contemporánea europea e foi criticado sen reservas por diversas institucións internacionais. 
 
Malia o lamentable que se revele a actuación do goberno galego actual, sería demasiado sinxelo culpalo ao 100% da situación da lingua. Deste devalo que semella imparable do idioma propio, somos todos responsables. Ou ben admitimos este feito ou ben nunca estaremos en condicións de dar a volta á dinámica nefasta dos últimos anos. 
 
Lembremos que o Partido Popular leva gañando cada elección que se celebra no País dende a democracia, un feito innegable que é preciso integrar na ecuación da lingua. A sociedade galega quere que o PP interveña no futuro do idioma propio, guste máis ou guste menos. Así pois, revélase unha condición sine qua non seducir ós dirixentes populares na positividade do apoio á lingua. Pode doer pero disto trata a democracia, de aceptar a posición cidadá e actuar nos marcos por ela definidos. 
 
Resulta imprescindible abandonar de vez a confrontación, mesmo habendo razóns para ela. A dialéctica bando a prol / bando en contra so provoca máis desafección e máis frialdade. O galego é a lingua de todos e a súa difusión na sociedade so pode traer beneficios ao país sen prexudicar a ninguén. Ese ha ser o espírito, o mesmo que inspirou o Plan de Normalización Lingüística de 2004.

Ningún comentario:

Publicar un comentario