venres, 19 de setembro de 2014

Educación rectifica e repoñerá as axudas a nenos con síndrome de Down

O conselleiro promete aos pais novas fórmulas para subvencionar o material escolar.

Marcha atrás na Xunta. Os nenos de Galicia con síndrome de Down que se quedaron fóra do programa de axudas escolares Gratuidade solidaria, co que se subvenciona a compra de libros para alumnos matriculados en centros de educación primaria, secundaria ou especial, poderán beneficiarse novamente de axudas públicas, tras o compromiso que Down Galicia conseguiu da Consellería de Educación.
Delmiro Prieto, o presidente Federación Galega de Institucións para esta síndrome, reuniuse o pasado mércores co conselleiro, Jesús Vázquez, tras denunciar que os rapaces con Down foron excluídos do cheque escolar ao limitar a súa finalidade exclusivamente a libros de texto. E é que boa parte do colectivo de estudantes con necesidades educativas especiais, por norma xeral, non emprega libros e si outros materiais estipulados polas súas adaptacións curriculares persoais. Ata agora, os pais que solicitaban a subvención podían empregar o diñeiro noutras ferramentas educativas.
O responsable de Down Galicia explica que o Goberno galego se comprometeu a eliminar un matiz que limitaba a entrega de 250 euros soamente a alumnos matriculados en centros de educación especial, que son menos dunha vintena en toda a comunidade. "Ante a imposibilidade de modificar a orde vixente polos prazos, acordamos que o curso que vén se entreguen os 250 euros tamén aos alumnos con Down ou necesidades educativas especiais que cursen estudos en aulas de colexios de Primaria ou Secundaria", explica. "Ese matiz é claramente discriminatorio", denuncian dende a federación.
Tamén pactaron estudar caso por caso para intentar cubrir as necesidades didácticas que xurdan durante este curso. Prieto asegura que "tras o balbordo que se organizou a semana pasada, agora hai vontade de arranxo". A orde que regula estas subvencións inclúe outra excepción para nenos que, cursando estudos en colexios ordinarios, teñan recoñecida unha minusvalidez igual ou superior ao 65%, da que tampouco se poderán beneficiar estudantes con Down porque, segundo a federación, á práctica totalidade dos pequenos con esta síndrome se lles concede unha porcentaxe do 33%.
Un voceiro da consellería matiza que a súa posición non cambiou xa que "coincide" co manifestado a este diario a semana pasada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, aínda que afirma que as dúas partes ao sentarse a falar entendéronse". Educación non confirma o que sucederá na convocatoria do próximo curso, pero insiste en que o que pidan este curso se lles dará. "Imos apoiar aos centros para que os nenos e nenas con necesidades educativas especiais teñan todo o que necesiten en función da súa adaptación curricular e ao que reclamen os profesores", engade Educación.
As queixas das asociacións de nais e pais de nenos con necesidades educativas especiais chegaron esta semana ata a raíña dona Letizia, á que entregaron unha carta durante o acto inaugural do curso escolar en Pereiro de Aguiar (Ourense). "Pedimos que interceda nesta situación inxusta que estamos a vivir xa que, a día de hoxe, co curso escolar xa iniciado, non recibimos ningunha resposta de Educación", concluía o escrito, no que recordaban que a escolarización do alumnado con dificultades da aprendizaxe debe rexerse polos principios de normalización e inclusión.
A pesar do acordo alcanzado, Down Galicia non cesará na súa loita contra o "camiño segregador" que marca a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce) do Goberno de Mariano Rajoy. A consellería nega tallantemente que sexa un problema de exclusión derivado da nova lei, pero Prieto advirte: "Non" vou calar "na miña crítica á Lomce porque vulnera claramente a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea que o noso país asinou. Chegarei a onde faga falta".

Ningún comentario:

Publicar un comentario