As clases con nenos de distintas idades e un só profesor multiplícanse.
Os recortes en transporte condenan os cativos a viaxes de ata 50 minutos.
"Volvemos ao modelo educativo dos anos sesenta", resume Rosa Arcos, presidenta en Galicia da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), ao describir como dende 2008, á par que se afundía a economía, fóronse desmontado os avances educativos que chegaron coa democracia a zonas como A Montaña de Lugo. Alí "practicamente todos" os nenos de Educación Infantil (de tres a seis anos) comparten profesor e o modelo de mesturar rapaces de distintas idades cun único docente estase a estender "a toda máquina" tamén na Educación Primaria (de seis a 12 anos). "É imposible que un só mestre poida atender tal variedade de estados, necesidades e situacións," subliña Arcos, quen vaticina que no prazo de tres a cinco anos, en municipios como O Incio, Triacastela ou Ourol, os centros de Infantil e Primaria serán unitarios a todos os niveis.
Segundo os datos recollidos por Fademur, dende 2008 Educación pechou 50 escolas (35 delas unitarias) e polo menos 140 aulas (74 este curso que arranca), case todas en áreas rurais. Tamén se eliminaron 22 comedores e o premiado programa Preescolar na Casa, unha iniciativa pioneira que custaba 800.000 euros ao ano e coa que contan outras áreas de Europa de difícil acceso como o Alpes Suízos. A consellería admite que os agrupamentos de alumnos de distintas idades e ciclos se estenden sen remisión pero culpa en exclusiva á baixa natalidade. Dende o curso 2007-2008 Galicia conta con 10.000 estudantes menos de Primaria e nos dous últimos anos a matrícula de Infantil perdeu 2.600 pequenos. "Non" se pode ter "un profesor por alumno. Agrupamentos hóuboos sempre, tamén co bipartito [en referencia á coalición de PSdeG e BNG que gobernou Galicia entre 2005 e 2009]. É unha cuestión de sostibilidade", esgrime unha voceira de Educación.
O Goberno galego asegura que os recortes nos colexios rurais non minguaron a calidade do ensino que reciben os cativos que viven nestas zonas e que "en recursos se aplica unha discriminación positiva". As asociacións de mulleres rurais, en cambio, replican que, "pensando só no aforro económico", suprimíronse prazas de profesores de apoio e de especialidades, mantéñense os colexios sen servizos necesarios para a conciliación laboral das familias e a fusión de rutas de transporte escolar condena os nenos a soportar esgotadoras travesías de ata 50 minutos en autobús -curva vai, curva vén- antes e despois de clase. Hai os que teñen que esperar media hora a que saian os alumnos da ESO para emprender rumbo a casa.
O peche de centros converteu nunha odisea a viaxe ata o pupitre tamén para os adolescentes. A precipitada implantación da Lomce só permitiu que 87 municipios galegos oferten estudos de FP básica, o que afasta estes estudos das zonas rurais. Por se fose pouco, a nova formación profesional xa non inclúe axudas económicas ao transporte. "Se queremos vivir nunha Galicia verde, diversa, con paisaxes nas que perderse, hai que manter vivo o rural", reivindica Arcos parafraseando os eslóganes turísticos das campañas da Xunta.
Tras a visita dos Reis de España esta semana ao colexio público de Pereiro de Aguiar nun pretendido aceno á castigada escola rural, Fademur aclara que ese centro, situado a dez quilómetros da cidade de Ourense, non reflicte a situación destas zonas. E invita os monarcas e o presidente Alberto Núñez Feijóo a un "tour" por concellos como Cervantes, Samos ou Carballeda de Avia. "Pero que non vingan no coche oficial, que usen o transporte escolar dende a casa do neno que viva máis lonxe e que proben a comida do comedor," rétalles Arcos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario