O Instituto Nacional de Estatística (INE) pediulle a un hostaleiro que non insista en pedir cuestionarios en galego xa que estes só están en español. Eses documentos teñen unha nota a rodapé na que di que está dispoñíbel nos idiomas co-oficiais.
O Instituto Nacional de Estatística, organismo autónomo mais adscrito ao Ministerio de Economía, chamou por teléfono a un hostaleiro para lle pedir que non seguise a solicitar en galego o cuestionario sobre ocupación en aloxamentos turísticos pois este só estaba en español, denuncia a Mesa Pola Normalización Lingüística.Este documento, de obrigada cumprimentación periódica, ten unha nota na que sinala literalmente que “está dispoñíbel nas distintas linguas co-oficiais das comunidades autónomas”. Mais malia este hostaleiro se poñer en contacto co INE para que lle facilitasen o cuestionario en galego, nunca o recibiu. Recibiu, iso si, unha chamada do INE no que lle informaban de que só o tiñan en español. Como desculpa, a necesidade de aforrar.
Marcos Maceira, presidente da Mesa, ironizou sobre “cal será o tipo de tinta que empregan no INE para que resulte máis caro imprimir os cuestionarios en galego que en castelán...”. Neste sentido, o presidente da Mesa salientou que non estamos ante medidas de aforro económico senón ante unha clara política lingüística en contra do galego por parte das diferentes Administracións controladas polo Partido Popular.
Desde A Mesa lembran que neste tipo de situacións é fundamental que a cidadanía faga valer os seus dereitos e denuncie calquera traba que a Administración invente para lle impedir desenvolver a súa vida normalmente en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario