O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG,
presentou este xoves en Santiago un novo informe de seu sobre a
situación laboral actual das enxeñarías TIC na nosa terra. O
estudo, que é unha actualización e unha ampliación das
investigacións feitas polo colexio en 2008, confirma unha vez máis
o que xa se supuña a todos os niveis: malia a situación económica
e laboral actual, máis ben negativa, as TI seguen a ser unha
excelente aposta á hora de buscar o noso futuro.
O
informe, que foi dado a coñecer ante estudantes e profesores da
Escola Técnica Superior de Enxeñaría (tocándolles moi de preto o
que nel se inclúe), sinala que o 92% dos participantes nas enquisas
teñen arestora un posto de traballo. Segundo fixo saber Fernando
Suárez, presidente do CPEIG, “nas enxeñerías en Informática en
Galicia seguimos a ter unha taxa de desemprego moi baixa, tanto se a
comparamos coa media nacional como se comparamos coas taxas doutras
profesións”.
A
investigación foi presentada en Santiago polo propio Fernando
Suárez. O acto contou coa participación de Antonio Mosquera,
director da ETSE; e Felicitas Rodríguez, xefa do Departamento de
Sociedade da Información da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Por certo que a iniciativa contou,
precisamente, con financiamento da axencia.
O
presidente do CPEIG abriu a presentación en si mesma salientando que
a investigación actualiza e amplía os estudos previos sobre a mesma
materia publicados en 2008, estudos cos que se pretendía amosar a
situación laboral das enxeñarías en Informática e expor tamén o
impacto que estaban a ter nelas as crises (económica, social, de
emprego) en calquera das súas manifestacións. O novo acubillo de
datos é claro ao respecto: os tecidos académico, formativo,
investigador e empresarial galego seguen a dar no cravo en materia de
empregabilidade. Ao fío disto, Suárez salientou o importante papel
despregado polas universidades da nosa terra, en boa medida
responsábeis destes bos datos. Datos como por exemplo que a media de
tempo para atopar o primeiro emprego é de dous meses e medio, ou que
Galicia ten un índice moi alto de contratos indefinidos, case do
80%.
Ademais,
dixo Suárez, tamén salientamos por achegar unha boa marxe para
tarefas laborais de calidade. Deste xeito, salientou que o principal
exercicio profesional que desenvolven os nosos licenciados é a
elaboración de proxectos TI, e entre as súas competencias
principais atópanse as de capacidade, as de aprendizaxe e as de
adaptabilidade. Por outra banda, tamén é de ter en conta que a
satisfacción coa formación recibida polos nosos profesionais
sitúase nunha taxa do 3,37, case un notábel (a maioría dos nosos
representantes do sector TI veñen das nosas universidades).
A
maiores, o estudo tamén sinala que as principais motivacións para
traballar neste sector son diferentes nos homes e nas mulleres. Os
primeiros destacan a vocación, mentres que as mulleres as saídas
laborais. Esta información lévanos dereitos cara a un dos datos que
menos satisfan ao CPEIG no seu estudo: a escasa presenza de mulleres
no sector e nos ámbitos académicos, un problema que se arrastra
dende hai anos e que por desgraza semella estar empeorando. “Este
dato preocúpanos e moito”, dixo o presidente do colexio, que
destacou que na nosa terra están a facerse cousas para pórlle freo,
como por exemplo as importantes actividades do CESGA (As rapazas nas
TIC) ou o recoñecemento que cada ano convoca o CPEIG (Premio Ada
Byron) para salientar o papel da muller no tecido das tecnoloxías da
información. Con todo, dixo, fica moito por facer. “De feito”,
engadiu, “coa baixa participación das mulleres nos estudos e nos
ámbitos laborais TI, estamos a perder unha capacidade moi
importante”. Ao respecto disto, o director da ETSE tamén achegou
un dato a ter en conta: a escola só conta cunha taxa de estudantes
mulleres do 10%.
Volvendo
á análise do principal exercicio profesional, Suárez destacou que
este correspóndese coa elaboración de proxectos informáticos, que
representa o 43,78% do total. En relación a este último aspecto,
cómpre salientar que a maioría dos enquisados (94%) amosa o seu
acordo con que os proxectos informáticos sempre deberan ir asinados
polo autor e que, ademais, as enxeñeiras e enxeñeiros en
Informática deberían ter atribucións para que soamente quen posúa
o título poida asinar os proxectos informáticos (afirmación coa
que coincide máis do 90% dos enquisados).
A
idade dos enquisados está comprendida maioritariamente entre os 30 e
os 42 anos, e a idade media é de preto de 37 anos. Destaca a
porcentaxe de homes: 72,31 % do total, fronte a un 27,69 por cento de
mulleres.
O
informe global sobre a situación laboral das Enxeñarías en
Informática realizouse, a través de Internet, a partir dun total de
494 enquisas, 341 dos enquisados son colexiados do CPEIG e o resto,
do CPETIG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario