A equipa directiva presentou a súa renuncia após comunicárenlles desde a Xunta que non se cubriría o cupo de docentes que marca a lei.
Após coñecer o acontecido no Concello do Rosal (Pontevedra) onde as familias permanecen fechadas no CEIP Suárez Marquier desde hai 13 días polo rexeitamento da Xunta a cubrir a totalidade das prazas docentes, máis un centro de ensino público inicia accións.Neste caso, a dirección do IES Vilar Ponte, en Viveiro, presentou a súa renuncia logo de lles comunicaren desde a administración que non será cuberta unha praza de Lingua Castelá. O recorte vén a se sumar á perda dunha outra praza e media cuxo recorte xa foi anunciado ao centro a comezos do mes de setembro.
A Xunta non cubrirá unha praza de Lingua Castelá após recurtar a comezos de curso unha outra praza e mediaDesde o IES Vilar Ponte aseguran que a asignación das quendas e distribución dos horarios se tivo que desenvolver en precario perante un incremento no número de estudantes. Para a equipa docente a Xunta "incumpre o cupo que a propia Administración lle tiña asignado ao centro e promove unha situación que obriga a unha reestructuración de toda a súa oferta educativa co curso xa empezado".
De igual maneira que acontece no CEIP Suárez Marquier, a supresión dunha praza de Lingua Castelá suporá a eliminación de gran parte das medidas de atención á diversidade que tiña na actualidade o centro, coma por exemplo, os agrupamentos específicos e reforzos educativos nesta materia, segundo advirten desde a dirección. Neste senso, denuncian que "promovendo estes continuos recortes é moi probable que o alumnado non pise un laboratorio en toda a secundaria obligatoria".
"A administración pon de manifesto a súa total insensibilidade", denuncianDesde Inspección emprazaron o centro a suprimir unha unidade educativa en 1º da ESO para compensar a perda mais, sinalan, isto suporá que este curso "pasaría a preto de trinta alumnos por aula nunha etapa onde hai un considerable número de alumnos que polas súas necesidades educativas precisan dunha atención individualizada en grupos máis reducidos".
"A cerrazón da Administración Educativa nesta arbitraria decisión, pon de manifesto tamén a súa total insensibilidade coa particular realidade educativa do centro, onde hai unha elevada porcentaxe de alumnado inmigrante e de minorías étnicas. Os razoamentos esgrimidos para xustificar este incomprensible recorte, deixan ben claro que para a Administración, o alumnado é só un mero número estatístico, e non persoas individuais cunhas necesidades educativas específicas e diversas", denuncian desde o IES Vilar Ponte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario