Os docentes insisten en que non puideron preparar as materias segundo a nova lei
Apenas 24 horas antes do inicio oficial do curso escolar, a Consellería de Educación publicou no DOG o Decreto de implantación da Lei Orgánica para a Mellora Educativa (Lomce) que afecta ao ensino primario. A consellería de Jesús Vázquez anuncia a publicación do texto legal a través dun comunicado de prensa no que puntualiza que a comunidade educativa xa coñecía o seu contido dado que estaba "á súa disposición dende hai catro meses" polo que entende que é "totalmente inexacto falar de descoñecemento deste", como fixeron Anpas, docentes e sindicatos en declaracións a este diario o domingo pasado. Os colectivos mencionados insisten en que comezan o curso sen saber a que aterse e "sen preparar as materias de acordo á nova lei" xa que o que Educación expuxo "os tres meses do verán" foi un proxecto "susceptible de moitos cambios e non podemos preparar o curso baseándonos nun documento que pode, e adoita, virse abaixo,".Educación fai fincapé na orde transitoria que publicou a finais do mes de xullo "co fin de anticipar a toda a comunidade educativa os contidos curriculares" de aplicación para o curso que agora comeza, e apostila que o Decreto, aprobado hai uns días polo Conselo da Xunta "foi elaborado por profesores e técnicos da consellería".
A comunidade educativa insiste en lamentar a falta de diálogo deste departamento da Xunta cos traballadores. O secretario provincial de CC OO-Ensino en Ourense, Álex Portela, sostén que "Vázquez xamais invitou os representantes sindicais aos actos de inauguración do curso". Tampouco o fixo esta vez. Nin para o inicio oficial de Primaria organizado pola Xunta que se celebra hoxe no CEIP de Allariz Padre Feijóo, nin para a inauguración do Ministerio, na que está anunciada a presenza dos Reis, no CEIP Ben-Cho-Sey de Pereiro de Aguiar. Os representantes sindicais si foron invitados a este acto, non obstante, pola Casa Real. "Creo que este é un claro exemplo do que nos ten en conta o conselleiro", sentenza Portela. Na súa opinión, o feito de publicar con 24 horas de antelación a norma legal que afecta á preparación das materias do novo curso "pon de manifesto a mala imaxe que a consellería intenta transmitir dos docentes á opinión pública, dando a entender que o noso traballo é só nas aulas cando iso apenas nos ocupa a cuarta parte do tempo que dedicamos ao ensino,".
Ningún comentario:
Publicar un comentario