luns, 1 de setembro de 2014

As Anpa critican que Educación aplique xa o próximo curso a 'lei Wert'

Pais de colexios públicos e de centros católicos coinciden en apreciar "improvisación"

A presidenta da Confederación de Anpas de Centros Públicos (Confapa-Galicia), Helena Gómez, augura un inicio de curso "movido" e dá por feito a convocatoria de mobilizacións contra a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), máis coñecida como lei Wert polo nome do ministro, que acusa de "segregadora, sexista e de ideoloxía neoliberal". En declaracións a Europa Press, Helena Gómez acusa a Xunta de aplicar a nova lei con "improvisación". Mentres, a súa homóloga da Confederación Católica Galega de Anpas de Centros Concertados, María José Mansilla, admite que "quizais podería terse esperado un ano" para a súa aplicación.
"As cousas estanse a facer á présa e os profesores encóntranse con que non saben que teñen que dar, e o director non sabe que atribucións vai ter", afirma Helena Gómez. En canto aos libros de texto, nos cursos nos que se implantará a lei, sinala que "varían moi pouco". "Máis na ideoloxía que no contido", sentenza.
Os concertos con centros que separan nenos e nenas, consagrados pola lei Wert e restituídos agora pola Xunta, constitúen, para as Anpas de centros públicos, "a gota que enche o vaso". "Mentres se inviste diñeiro nestes colexios, na pública recórtase cada vez máis en profesores", deploran.
Pola súa banda, a presidenta dos pais de centros concertados, María José Mansilla, afirma compartir a idea de que a Lomce se vai impulsar en Galicia con improvisación. Destaca que aos profesores "aínda non lles chegou o curriculum de Primaria" e cre que "quizais se podía ter esperado un ano". Pero non está por posibles mobilizacións: "Todo o mundo ten dereito a manifestarse, pero ao final os prexudicados son os alumnos".
Mansilla afirma que era necesaria unha reforma educativa, aínda que considera que a Lomce ten "aspectos mellorables". Non se garante de todo as prazas escolares en centros concertados e a igualdade de trato entre a rede pública e concertada", engade. Como representante dos pais de centros católicos, defende a decisión de soster con diñeiro público colexios que separan os nenos por sexos: "A educación diferenciada, como a mixta, é unha opción pedagóxica totalmente lexítima"

Ningún comentario:

Publicar un comentario