A CONSELLERÍA NON OFERTARÁ PRAZAS GALEGAS NO VINDEIRO CONCURSO DE TRASLADOS DE ÁMBITO ESTATAL.
En breves datas está prevista a convocatoria do Concurso Xeral de
Traslados a nivel estatal, como é preceptivo cada dous anos, e a
Consellería de Educación da Xunta de Galicia vén de anunciar nos medios
de comunicación que ten intención de non sacar ningunha praza vacante en Galiza para ese novo concurso.
Estamos, pois, diante dunha das moitas consecuencias negativas
directamente derivadas da nefasta xestión que se ven facendo nos últimos
meses arredor do concurso xeral de traslados de ámbito galego. Nese
sentido, queremos salientar como esa decisión da Consellería lesiona os
lexítimos dereitos e intereses do colectivo de traballadoras e
traballadores do ensino.
Por unha banda, afecta ás persoas que están actualmente en comisión de
servizos, moi particularmente ás que ocupan prazas en comisións por
conciliación da vida laboral e familiar. Pode acontecer que rematen a
comisión neste curso (por exemplo, por cumprimento do límite de idade
dos/as fillos/as); se así é, a estas persoas corresponderíalles un
traslado ao que, non obstante, non poderán optar dentro de Galiza se a
Consellería non saca prazas a concurso.
Afecta, tamén, a aquel profesorado que obtivo destino definitivo na
convocatoria de 2012 e que, unha vez pasados dous anos desde entón,
tería agora dereito a concursar para cambiar o seu destino definitivo.
Este colectivo, en virtude da posición da Consellería, en lugar de
agardar dous anos, terá que esperar tres para poder concursar de novo.
Outro grupo afectado pola decisión sería o do profesorado “suprimido”.
Os/as docentes nesta situación dispoñen de seis convocatorias de
concurso de traslados para acadar destino. Participando no concurso
estatal que se achega, non poderían acadar unha praza en Galiza. Sería
pois, desde esta perspectiva, unha convocatoria “perdida” para eles. No
caso de que de ningún xeito acaden un destino, este seríalles adxudicado
de oficio, onde cadre…
No que se refire á xente que desexa concursar dende outros territorios
para a nosa comunidade, a decisión da Consellería déixaa sen opción
posíbel de traslado ata dentro de dous anos, como mínimo.
Esta non convocatoria de prazas no vindeiro concurso xeral de traslados
de ámbito estatal semella a única vía que se lle ocorreu á Consellería
de Educación para minorar os efectos negativos en cadea que a chapuza do
concurso xeral de traslados galego do curso 2013-14 está xerando.
No caso de que o Tribunal Superior de Xustiza resolva positivamente os
recursos presentados ante el, actualmente pendentes de resolución, a
Consellería tería que desfacer o concurso pasado e as persoas que
actualmente tomaron posesión da súa praza en virtude da resolución dese
concurso terían que voltar ao seu destino anterior a esa adxudicación.
Foi precisamente para evitar esa situación polo que dende o STEG
solicitamos o pasado agosto a suspensión provisional do CXT. Non
ofertando vacantes galegas no vindeiro concurso de ámbito estatal, a
Consellería tenta curarse en saúde diante dunha posíbel sentenza
contraria ao baremo do concurso de ámbito galego, evitando así que a
situación aínda se faga máis complicada e gravosa para as persoas
afectadas, con posíbel anulación de máis traslados.
O STEG solicita á Consellería que, se finalmente decide non ofertar vacantes galegas no vindeiro CXT de ámbito estatal, promulgue unha regulación expresa
que ordene debidamente, salvagardando ao máximo os dereitos laborais do
profesorado, as situacións creadas pola súa decisión de non ofertar
prazas nesa convocatoria.
En calquera caso, estamos unha vez máis ante unha clara vulneración dos
dereitos do profesorado, nunha situación rocambolesca de incertidume
laboral e xurídica que só pode atribuírse á inaxeitada xestión dunha
Consellería que día tras día confirma a súa incapacidade manifesta para
conducir como debería o ensino público galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario