A AMTEGA vén de publicar
no blog Axenda Dixital 2020 as bases
do concurso Curtas co Móbil da Axenda
Dixital de Galicia 2020 dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou
Bacharelato de Galicia, de entre 14 e 18 anos. É unha das iniciativas do
proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a futura estratexia
tecnolóxica global da Xunta.
Os obxectivos do certame son explorar a creatividade audiovisual dos mozos e
mozas a través da gravación de curtametraxes, fomentar o traballo en equipo e o
uso da lingua galega, así como sensibilizar sobre a importancia do
desenvolvemento tecnolóxico da Comunidade e dar a coñecer a estratexia
tecnolóxica global impulsada pola Xunta de Galicia.
Neste concurso de curtas co móbil os mozos e mozas poderán participar tanto
individualmente como por grupos dun máximo de 5 persoas, e amosar a súa
destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo de 3 minutos de
duración onde se visualice como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia
no futuro. Cada equipo designará un titor que forme parte do persoal docente do
centro educativo. A súa tarefa será velar polo cumprimento das normas do
concurso e levar a cabo a inscrición e a entrega das curtas para o concurso.
O prazo de presentación de solicitudes e os seus correspondentes vídeos
abrirase o 15 de setembro e rematará o 30 de outubro de 2014.
Os vídeos recibidos publicaranse no Blog XenteDixital e nas redes sociais da AMTEGA
e serán valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da
Información e as TIC, formado por 2 representantes da AMTEGA, 1 representante
da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de
ESO/Bacharelato, que preseleccionará os cinco vídeos finalistas.
Os vídeos finalistas serán publicados en
Facebook, onde calquera internauta que o desexe poderá votar o vídeo que
considere que mellor representa o futuro de Galicia a través das TIC. Os vídeos
gañadores serán os dous que máis gústame
obteñan dentro do apartado. O premio consistirá nun tablet para cada alumno
responsable do vídeo máis votado e unha minitablet para cada un dos alumnos
responsables do segundo vídeo máis votado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario