de medidas para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza.
Podedes ler toda a Iniciativa Lexislativa Popular e tamén o CIG Informa que fixemos a modo de resumo.
PROPOSICIÓN DE LEI, POR INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR, DE MEDIDAS PARA RESTITUÍR OS DEREITOS LABORAIS, PROFESIONAIS E RETRIBUTIVOS DO PROFESORADO E MELLORAR A CALIDADE DO ENSINO EN GALIZA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Pronto terás no teu centro a posibilidade de asinar a ILP de medidas para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza. Podes ler o que imos reclamar no parlamento e animar ás túas compañeiras e compañeiros a asinar. Se queres un prego para recoller sinaturas no dubides pedilo en calquera dos nosos locais.
A crise económica foi utilizada como pretexto para acometer graves ataques contra o ensino público, reducindo os seus orzamentos e acrecentando a súa privatización e mercantilización. Desmanteláronse os avances que se foran conquistando e a política educativa encamiñouse a recortar e a reducir a calidade do ensino público, pondo en tea de xuízo o dereito á educación e desterrando a igualdade de oportunidades. Asistimos a un permanente ataque ao ensino público e ao desprestixio do profesorado, mentres se reforzaban e ampliaban os concertos educativos, mantíñanse os dos centros que segregan o alumnado por razón de xénero e perpetuábanse diferentes mecanismos para desviar o alumnado e o diñeiro público ao ensino concertado.
O profesorado viu minguados os seus dereitos laborais, salariais e profesionais. Os seus salarios foron reducidos en máis dun 20%, elimináronlle e reducíronlle as pagas extraordinarias, descontáselle parte do seu salario ao enfermar, suprimíronse as licenzas por estudo, ampliouse o horario lectivo e foi obrigado a realizar funcións alleas á súa profesión, como vixiar o alumnado que utiliza o transporte escolar. Entre outras medidas, a Consellaría eliminou unilateralmente os acordos asinados coas organizacións sindicais.
Durante estes últimos anos, constatouse a supresión de numerosas unidades no ensino público, incrementáronse as ratios e os agrupamentos do alumnado de diferentes idades e niveis educativos, numeroso alumnado de formación profesional non pode estudar o ciclo formativo de FP que desexaría e máis de 4000 familias non teñen praza para os seus fillos e fillas no primeiro ciclo de educación infantil en centros públicos. A supresión de prazas de profesorado é unha constante. Os cadros de persoal reducíronse en máis de 3000 docentes, impedindo así a adecuada atención á diversidade e ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. A oferta de emprego público desapareceu ou foi insignificante, se temos en conta os milleiros de profesores e profesoras que se xubilaron nestes últimos anos. Cada vez é máis o profesorado que ten que impartir materias das cales non é especialista, co deterioro correspondente da calidade de ensino.
Durante estes anos, lexislouse en sentido adverso á consecución dunha educación inclusiva e equitativa. Desterrouse a igualdade de oportunidades e a educación non permitiu eliminar as desigualdades socias e funcionar como elemento de cohesión social. Así por exemplo, o Decreto de creación de centros plurilingües, o Decreto de admisión de alumnado, o Decreto de comedores e a supresión da gratuidade dos libros de texto supuxeron discriminacións e acrecentaron as desigualdades. A supresión da gratuidade do uso do comedor para o alumnado con dereito ao transporte escolar, e o incremento desorbitado dos prezos agudizaron, máis aínda, a marxinación de amplas capas sociais en momentos de crise como o actual.
Este panorama involutivo e de recortes constantes no ensino público en Galiza agrávase agora coa aprobación da Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE). Trátase dunha contrarreforma que impregna todo o sistema educativo dos principios que sustentan a ideoloxía neoliberal, que españoliza aínda máis o sistema educativo, afonda na confesionalidade, conforma un sistema educativo máis selectivo e clasista, segrega o alumnado, desconsidera o profesorado, elimina a xestión democrática dos centros, mercantiliza a educación, garante o dereito do alumnado a non recibir aulas no noso idioma e nega o dereito a un ensino galego e laico. Proxecta un ensino orientado cara ao éxito escolar só para o alumnado con maiores facilidades económicas e sen carencias na aprendizaxe e conduce o alumnado das clases sociais populares ao fracaso escolar. Cómpre, mentres non se derrogue a LOMCE, procurar que a súa aplicación sexa o menos nociva posíbel para o ensino público en Galiza; por iso se propoñen diferentes proposicións encamiñadas a evitar a súa aplicación, co obxecto de facilitar un ensino máis equitativo e ao servizo de todas as galegas e galegos.
O vixente Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza, atenta abertamente contra o proceso de normalización lingüística e significa unha involución manifesta para o noso idioma, malia a xa cativa presenza do ensino en galego. Desterrou o ensino no noso idioma na educación infantil nos ámbitos español-falantes e prohibiu a ensinanza en galego das materias técnico-científicas que poderán ser impartidas en inglés. A Xunta de Galiza non atendeu as recomendacións da diferentes organizacións de todos os ámbitos da sociedade e de institucións como o Consello Escolar de Galiza, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura e as Universidades para que se derrogase o decreto e se retomase o Plan Xeral de Normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza no ano 2004. Malia ter sido anulado xudicialmente nalgúns dos seus aspectos máis regresivos, o actual Decreto de plurilingüismo supón unha verdadeira ameaza para o futuro normalizador da lingua galega e non garante a competencia do alumnado para o seu uso. Mais a persecución do noso idioma non se centra exclusivamente na aplicación desde decreto, senón en toda a política lingüística da Xunta de Galiza. Suprimiuse a obriga de, como mínimo, realizar unha das probas en galego para acceder á función pública, desmantelouse o modelo de educación infantil das galescolas, os orzamentos dedicados á lingua galega decreceron en máis do 70% desde o ano 2009, reducíronse as axudas aos equipos de normalización, despediuse o profesorado que impartía os cursos preparatorios para presentarse aos Celga, etc. Imponse, por tanto, derrogar o Decreto 79/2010, do 20 de maio, e pór en marcha o Plan Xeral de Normalización da lingua galega, conxuntamente con diferentes medidas que promovan e potencien o ensino en galego, co obxecto de conseguir a plena normalización da nosa lingua.
Cómpre recuperar e restituír todos os dereitos laborais, salariais e profesionais que lle foron arrebatados ao profesorado durante estes anos, así como recoñecer e valorar a función docente, reforzar o marco galego de negociación e negociar un estatuto do profesorado galego.
Hai que planificar un sistema educativo galego en función das nosas necesidades e intereses, enraizado na nosa realidade nacional, que garanta un sistema educativo universal, imprescindíbel para conseguir unha sociedade máis xusta e democrática que asegure unha educación pública de calidade, baluarte dun ensino científico e laico. Para iso, é crucial a elaboración dunha lei do sistema educativo galego que asegure servizos complementarios e actividades extraescolares en todos os niveis, o financiamento necesario, a redución das ratios e recursos e profesorado suficiente. Un sistema educativo que facilite os recursos compensatorios necesarios para conseguir a igualdade de oportunidades, que forme cidadáns e cidadás libres e solidarias, unha educación ao servizo dos galegos e galegas e da transformación social para acadar un ensino unicamente público, galego, laico e democrático.
Ningún comentario:
Publicar un comentario