A Consellaría de Educación exixiu a disolución dun acto cultural organizado polos Comités nun instituto público de Lugo argüíndo que o permiso fora solicitado por un rapaz menor de idade.
A organización estudantil Comités denunciou através dun comunicado de imprensa a disolución dunha videoproxección e coloquio por parte da Xunta. Os feitos aconteceron ás 20.00h no IES Ánxel Fole a pasada quinta feira (17 de setembro) cando @s estudantes desenvolvían a presentación do libro-documentario “O estudantado galego sae á rúa” no que se narra o xurdimento de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA).No decorrer do acto, a dirección do centro púxose en contacto coa organización e instou a súa disolución após afirmar que a Consellaría de Educación impedía realizar tal actividade no instituto. "A directora do centro chamounos para dicirnos que Inspección de Educación decidiu que non se podía facer a presentación porque a persoa que solicitara o permiso era menor de idade", explica en conversa con Sermos Galiza, Rubén Arroxo, un dos participantes.
A directora do centro instou o estudantado a disolver o acto por orde da Consellaría de Educación"É algo inédito", acrecenta, pois "téñense feito actos e asembleas de estudantes sen problema sendo menores de idade quen solicitan a autorización, como é lóxino no ensino secundario", afirma. Aliás, matizan, "o permiso fora solicitado na sexta feira [12 de setembro]".
Desde a organización estudantil lembran que o IES Ánxel Fole é "un espazo público" empregado, mesmo, "por asociacións culturais" para diversas actividades "non sempre vencelladas ao ensino", o que deixa ver, din, "que se trata dunha decisión política" debido "ao contido" do acto.
"É algo inédito pois téñense feito actos e asembleas de estudantes solicitadas por menores de idade, como é lóxico no ensino medio"O "paradóxico", explica Arroxo, "é que pouco antes de nos expulsaren do centro as persoas que acudiron como relatoras", @s ex-militantes de ERGA, Pascuala Dorado e Daniel Vispo, "estaban a contar as súas vivencias como integrantes de ERGA", a "prohibición de actividades culturais, asembleas estudantís ou mobilizacións".
"Foi un escándalo", sinala, ao tempo que denuncia "a cesión de espazo nun centro público para a familia real mentres o estudantado galego é expulso".
Desde o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Lugo xa anunciaron que están a estudar a posibilidade de adoptaren medidas ao respeito após o acontecido pois , denuncia Arroxo, "semella que coa aplicación da nova lei educativa os centros de ensino teñen que dar conta á Consellaría de Educación das actividades que se desenvolven nas súas instalacións", un feito que tildan de "loucura".
Ningún comentario:
Publicar un comentario