venres, 19 de setembro de 2014

A educación da Xunta é para crecer "na nación española e no mundo”

Feijóo destaca que a súa prioridade na educación pública é que os nenos dispoñan de tecnoloxía e aprendan inglés. Tamén salienta que hai "mellores datos" que hai anos e aposta por "motivar máis aos profesores”.

Impulsar a tecnoloxía e a aprendizaxe de inglés. Ese é un dos obxectivos prioritarios da Xunta en materia educativa, uns obxectivos que, segundo o presidente do Goberno galego, comparte co rei español, Felipe VI, que estivo nun colexio de Ourense esta semana para abrir o curso escolar.
 
Nesa visita, o monarca español insistiu na necesidade de afondar na calidade educativa. Precisamente, nese centro do Pereiro de Aguiar, Felipe VI escoitou a algúns pais insistir nesta cuestión ante a degradación do ensino público e o abandono das escolas rurais.
 
“Participamos da opinión de Felipe VI e por iso coidamos,e moito, a calidade educativa”, respostou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta ao ser preguntado por esta cuestión. “En Galicia estamos con mellores datos que hai anos e, aínda así, temos que mellorar a situación”, engadiu.
 
Por iso, lembrou que o rei español tamén destacou a necesidade de impulsar a tecnoloxía e as linguas. “Participo desde discurso desde hai tempo e ese é o noso compromiso para que os rapaces poidan desenvolverse na nación española e abrirse ao mundo”, apuntou o defender o seu modelo trilingüe nos centros educativos.  “Tecnoloxía, plurilingüísmo ou motivar máis aos profesores”, son, segundo Feijóo, prioridades do seu Executivo.
 
Ademais, o xefe do Executivo galego destacou que foi o seu goberno quen lle propuxo aos monarcas que foran a un centro rural para amosar, deste xeito, o “interese” que ten a Xunta nesta cuestión. “Interésanos que as escolas rurais sigan tendo as mesmas posibilidades que outras urbanas; que teñan tecnoloxía e que aprendan idiomas”, engadiu ao tempo que salientou a normalidade coa se iniciou o curso escolar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario