luns, 1 de setembro de 2014

Case 400 profesores darán clase en máis dun colexio o próximo curso

Algúns dos docentes galegos itinerantes teñen adxudicados cinco centros.

O próximo curso haberá case 400 profesores -a inmensa maioría nas etapas de infantil e primaria- que deban impartir docencia en polo menos dous colexios. Son os chamados itinerantes que, como ben di o seu nome, itineran por máis dun centro durante a súa xornada laboral. Fundamentalmente trátase de especialistas en pedagoxía terapéutica, orientación, audición e linguaxe e inglés, xa que teñen menos horario por aula que os mestres de infantil e primaria, polo que acumulan varios centros para completar as súas xornadas.
Dos case 400 profesores itinerantes, non poucos teñen como destinos cinco centros, aínda que a maioría oscilan entre dous e tres. Unha das críticas que fan os propios docentes é que se lles obrigue a itinerar cando no colexio no que lles adxudicaron o destino son necesarias máis horas para atender aos estudantes -sobre todo cando se trata de especialistas en alumnado con necesidades educativas especiais-. A cuadratura do círculo é xa a daqueles profesores que son itinerantes e teñen afíns, é dicir, darán clase o próximo curso en máis dun colexio e impartirán materias nas que non están especializados. Nestes casos a maioría só comparten dous centros, pero hai os de tres, e ata de catro.
Afíns, máis en secundaria
Mentres que as itinerancias adoitan darse nos centros de primaria, nos de secundaria o habitual é impartir materias afíns, é dicir, se un profesor de Matemáticas non completa todo o seu horario, engádenselle materias consideradas afíns como Física ou Química, aínda que ás veces chegan a dar temarios menos conectados, como un especialista en Educación Física impartindo Xeografía ou Lingua.
Este ano, e segundo os datos do sindicato CIG-Ensino, haberá 882 docentes en secundaria e 261 en primaria que dean clases en materias nas que non son especialistas. A cifra foi en aumento nos últimos anos. No 2008, por exemplo, eran 673 en secundaria, e no 2011 pasaban xa de 700. Dar materias que non se corresponden coa especialidade non é obrigatorio para o profesor, pero aqueles que non teñen praza fixa adoitan marcalas, porque lles permite ter moitas máis posibilidades de traballar.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario