Esta
semana, até este xoves, estanse a desenvolver os XVI Encontros para
a Normalización, uns encontros que veñen da man do Centro
de Documentación Sociolingüística (Consello da Cultura Galega)
e que podemos ver en directo a través da web de seu,
consellodacultura.gal.
Entre os recursos expostos nas xuntanzas e dirixidos a fomentar o
emprego (e o emprego correcto) do galego a todos os niveis sociais,
cómpre salientar un recurso que nos toca de preto pola súa ampla
vertente dixital. Falamos do Kit
para a Normalización, un sitio web no que se compilan
ferramentas e contidos precisos para a planificación lingüística.
Segundo
fixeron saber os responsábeis da súa posta en marcha, trátase “dun
recurso pensado para facilitar o traballo das persoas que están a
participar na normalización do galego, especialmente daquelas que
realizan o seu labor desde os concellos de Galicia”.
O
Kit,
que xorde a raíz dun convenio formalizado entre o Consello da
Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística,
xunta información moi diversa. Segundo se fixo saber, “abrangue
bibliografías, lexislacións ou recursos prácticos para a
elaboración dunha diagnose fiábel sobre o contexto, un decálogo de
boas prácticas, ou un directorio de entidades relacionadas coa
lingua, e materiais de cursos, xornadas, recursos lingüísticos e
webs de referencia”.
Os
encontros conclúen este xoves prestando atención á política das
institucións tomando como referencia os casos da xustiza e dos
medios de comunicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario