martes, 2 de setembro de 2014

As familias españolas gastaron 1.055 euros de media en educación en 2013, un 11% máis que en 2012, segundo un estudo

O gasto medio en educación das familias españolas con membros en idade escolar --o 35% do total-- situouse en 1.055 euros en 2013, un 11,6% máis que en 2012, cando foi de 944 euros, segundo os perfís de consumo Habits, elaborados pola multinacional española AIS Group.
Así, dos datos despréndese unha tendencia á alza no gasto en educación das familias dende 2010, cando a media foi de 765 euros, cun incremento medio anual superior ao 10 por cento.
O estudo considera os gastos destas familias en educación infantil e primaria, en secundaria --incluíndo bacharelato e graos profesionais--, universidade e superior, libros de texto e comedores escolares.
Por comunidades autónomas, as familias que destinaron máis diñeiro en 2013 á educación foron as madrileñas, cunha media de 1.635 euros --320 euros máis por fogar respecto ao ano anterior--, seguidas polas navarras e catalás, que destinaron ao redor de 1.450 euros.
Concretamente, os fogares que notaron máis os custos asociados á educación foron os murcianos, que en 2013 destinaron a esta partida case un 60% máis que o ano anterior, pasando dunha media de 400 euros en 2012 os 635 euros de 2013. Así mesmo, o gasto das familias galegas creceu un 37% pasando dos 735 euros de 2012 os 1.000 euros de 2013.
Por outro lado, o gasto en educación das familias estremeñas foi de 350 euros, unha terceira parte da media estatal, seguidas polas rioxanas cun gasto medio de 470 euros.
Ademais dos gastos de matriculación e as cotas escolares, os libros de texto son unha das partidas de gasto máis importantes do presuposto escolar. En 2013, os fogares españois gastaron de media 340 euros en libros, un 0,6% menos que o ano anterior.
As comunidades que máis gastaron en libros de texto foron a Comunidade Valenciana, onde a media ascendeu a 550 euros, e Castela e León, cun gasto de 515 euros. Pola contra, Extremadura, Canarias e Castela-A Mancha foron as que menos diñeiro desembolsaron para este fin.
Ademais, do estudo despréndese que un 20% das familias utilizou en 2013 os comedores escolares gastando de media 405 euros, un 4,5% máis que en 2012. Concretamente, as familias catalás gastaron 710 euros, case o dobre da media nacional e 22 veces máis que as familias de Extremadura, onde o gasto supuxo uns 32 euros.
Atendendo ao nivel de estudos, o gasto en formación universitaria. creceu preto dun 15% de media en España. Este incremento é maior se se ve a evolución do gasto dende 2010, cun aumento próximo ao 75%. Así, se en 2010 a media de gasto en educación universitaria era de 410 euros, en 2013 superou os 710 euros.
Por autonomías, ir á universidade sáelles máis caro aos valencianos, que teñen un gasto anual medio de máis de 1.500 euros, aos navarros, cun gasto de 1.300 euros e aos cataláns, cun gasto de case 1.100 euros. Pola súa banda, os estremeños pagaron 200 euros en 2013. Mentres, os asturianos experimentaron un descenso de 640 euros respecto a 2012.

Ningún comentario:

Publicar un comentario