mércores, 1 de outubro de 2014

Máis de 200 centros de ensino comezaron o curso en Galiza sen o profesorado necesario

A CIG-Ensino presentará un recurso contra a adxudicación de profesorado provisional “porque non se están cubrindo todos os catálogos de centros que están publicados”.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, asegura que neste principio de curso foron perto de 200 os centros de ensino que non viron satisfeitas as súas demandas de profesorado. Aliás, denunciou que a Consellaría de Educación está a castigar “con máis contundencia a aquel alumnado que máis o necesita e que precisa reforzo educativo ou que ten necesidades educativas especiais”, porque, en lugar de dotar de profesorado a tempo completo de PTAL o que fai é compartilo entre centros, na maioría dos casos.
O secretario nacional da CIG-Ensino puxo xemplos concretos de centros nos que se están incumprindo compromisos adquiridos, como é o caso do centro Vales de Villamarín de Betanzos, onde se creou un centro novo que sería independente do existente, pero que finalmente foi anexionado ao que xa había, ficando relegado a aulario e con máis de 1.000 alumnos en total e 2 edificios que están a unha distancia de 500 metros.
A CIG convoca mobilizacións esta cuarta feira ás 11.15 horas diante das Xefaturas Territoriais da Coruña e Pontevedra
O mesmo ocorre co novo centro de Sigüeiro que xa está a funcionar e no que a ANPA tivo que asumir a xestión do comedor escolar. “Antes había un centro, agora hai dous  pero entre ambos teñen menos profesorado do que tiña antes un só”. O secretario nacional da CIG-Ensino lembrou tamén que a falta de profesorado está a provocar a demisión de equipos directivos como o do IES Vilar Ponte e actuacións nas que en lugar de substituír ao conserxe como no caso do Camiño de Santiago de O Pino o que se ten feito, informa o sindicato en comunicado de imprensa, é "pór un [conserxe] a tempo parcial por catro horas nun horario que abrangue das oito e media da mañá ás dúas e media da tarde, con comedor e actividades extraescolares".
Mobilización
Após 20 días de comezo de curso en Infantil e Primaria e 15 en Secundaria persisten os recortes e seguen sen cubrirse as necesidades máis imperiosas dos centros, fundamentalmente as súas demandas de profesorado, denuncia a CIG. Fronte a isto, e no canto de atender a esas necesidades, o sindicato nacionalista ve unha actitude “intimidatoria” por parte das Xefaturas Territoriais da Coruña e Pontevedra contra estes centros, mesmo utilizando a páxina web da consellaría para os desprestixiar. Por iso ten convocado unha mobilización diante de ambas as dúas para esta cuarta feira ás 11:15 horas.
Os cadros de persoal de Infantil e Primaria están fixados por unha Orde que se publicou no DOG do ano 2010. Malia isto, a CIG-Ensino denuncia que este ano, e incumprindo a súa propia orde, a consellaría négase a cubrilos, o que está a provocar que neste momento haxa mobilizacións e conflitos en múltiples centros.  Marta Dacosta, membro da Executiva da CIG-Ensino, acusa á Xefatura Territorial de Pontevedra de desatender as demandas de profesorado de centros como o CPI Suárez Marquier do Rosal; o CI Feliciano Barrera en Ponteareas; o CEIP de Barrantes en Tomiño; o CEIP de Abelendo e da Escola de Educación infantil de Berducedo en Moaña. “A todos fáltalles un profesor ou profesora que lles corresponde por catálogo”, afirma.
Recurso
Ante esta situación, a CIG-Ensino decidiu presentar un recurso contra a adxudicación de profesorado provisional “porque non se están cubrindo todos os catálogos de centros que están publicados”. Ademais en dous casos, no do CPI Suárez Marquier, ao que lle falta o segundo profesor de Educación Física, e do CI Feliciano Barreras, ao que lle falta o cuarto profesor/a de Educación infantil con Inglés, están con mobilizacións nas que xunto co profesorado está implicada o conxunto da comunidade educativa .

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario