mércores, 15 de outubro de 2014

Os datos do IGE sobre o uso do galego constatan o éxito da política lingüicida do PP


A Mesa amosa a súa preocupación e ante o feito de que a Xunta celebre a caída de falantes de galego


Marcos Maceira: "A satisfacción da Xunta ante estes resultados só se explica se o obxectivo da súa política lingüística é a aniquilación do galego"


14 de outubro de 2014.- A Mesa pola Normalización Lingüística respondeu esta mañá con preocupación e abraio á nota feita pública pola Xunta en relación aos datos do IGE sobre o uso do galego.

Segundo estes datos, do 57% da poboación que declaraba usar maioritariamente o galego en 2001 pasouse a só un 44% en 2011, o que supón unha caída de 13 puntos en tan só 10 anos. En cambio aumentou a porcentaxe que declara só empregar o galego “ás veces”, do 30% en 2001 ao 44% en 2011. A isto habería que engadir as elevadas porcentaxes nas cidades da xente que manifesta non utilizar nunca o galego. Estes son os datos que celebrou onte a Xunta, calificándoos de “positivos”, xa que para a Consellaría “amosan a fortaleza da lingua propia de Galiza”.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira “a satisfacción da Xunta ante estes resultados só se explica se o obxectivo da súa política lingüística é a aniquilación do galego”.

Na Mesa aclararon que a experiencia demostra que o aumento da porcentaxe de persoas que din utilizar as dúas linguas non responde realmente a unha situación de equilibrio: quen afirma neste tipo de enquisas utilizar tanto galego como castelán faino maioritariamente seguindo esquemas diglósicos. “A evolución dos datos amosados polo IGE son os típicos dun proceso de substitución lingüística descritos en calquera manual básico de sociolingüítica” alertaron desde A Mesa.

Para A Mesa estes resultados son a constatación da política lingüicida do PP, que se suman á evolución xa constatada en todos os estudos anteriores, incluíndo os mapas sociolingüísticos da RAG e as análises do Consello da Cultura, que evidencian que o galego é a lingua que sofre unha caída de falantes máis acusada de todas as que teñen rango de oficialiade no Estado e que as políticas da Xunta non só non están a garantir a recuperación do galego senón que potencian a súa substitución.

Segundo A Mesa, o máis preocupante é que desde o Goberno se feliciten destes resultados e non amosen a mínima intención de os tentar reverter. A asociación en defensa da lingua exixiu unha política lingüística activa en favor da lingua propia de Galiza, a derrogación da normativa contraria á recuperación de espazos sociais para o galego aprobada nos últimos anos e posta en marcha inmediata das principais medidas sinaladas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario