A CIG-Ensino esixe a dimisión da xefa territorial de Lugo pola súa actuación irregular e a súa irresponsabilidade no dito nomeamento.
O 20 de outubro, a Consellaría de
Educación anunciou no claustro e no consello escolar que cesaría a
actual directora, nomeada a dedo, recoñecendo a ilegalidade cometida,
despois do recurso presentado pola CIG-Ensino.
Novamente a Consellaría ten que rectificar e darlle a razón á CIG-Ensino
que o luns, 13 de outubro, presentou recurso de alzada, solicitando a
anulación deste nomeamento por evitar a legalidade vixente.
Evidentemente, despois de todas as consecuencias ocorridas a raíz dese
nomeamento "a dedo", que van desde a desorganización e o mal ambiente
entre a comunidade educativa até unha denuncia a dúas nais diante da
comisaría de policía, a CIG-Ensino reitera a necesidade de que
se asuman responsabilidades e esixe a dimisión inmediata da xefa
territorial de Lugo que tomou a decisión ilegal de nomear unha nova
directora no IES Vilar Ponte, sen oír o claustro e o consello escolar,
como é preceptivo para nomear unha dirección provisional. Máis unha
vez, a Consellaría actúa á marxe dunha normativa que está obrigada a
cumprir, cando esta non é da súa conveniencia.
Para a
CIG-Ensino, esta rectificación da Consellaría reconduce unha situación
manifesta de ilegalidade, mais non resolve o problema inicial do que
xurdiu que non é outro que a supresión dunha praza docente no centro que
provoca unha redución da calidade educativa. Como xa ten ocorrido,
tanto no IES Vilar Ponte como en máis de 200 centros neste curso, isto
leva consigo o aumento das ratios, os agrupamentos de alumnado, a
supresión das medidas á diversidade ou ao alumnado con necesidades
específicas, o aumento de impartición de afíns ou de compartir centros. É
dicir, a Consellaría actúa con criterios simplemente económicos,
recortando ano tras ano na educación, e non con criterios pedagóxicos e
de mellora da calidade da ensinanza. A elaboración dos novos horarios
amosan que non se poderán cadrar sen empeorar nalgunha medida os
criterios pedagóxicos aprobados no claustro e no consello escolar e que
estaban dando excelentes resultados. O desleixo da Consellaría pola
educación pública queda en evidencia no cúmulo de despropósitos
cometidos neste centro: compromiso de dotación do docente número 43,
negativa a cumprir o compromiso, nomeamento ilegal da dirección,
elaboración irregular dos horarios, que fai que aínda hoxe o profesorado
e o alumnado non coñeza os horarios definitivos. Por este motivo, desde a CIG Ensino seguimos demandando o profesor 43 para o IES Vilar Ponte porque non é certo como parece facernos crer a Consellaría que con 42 profesores nun centro se poida dar a mesma calidade educativa que con 43, ao mesmo tempo que exiximos a dimisión da xefa territorial ou o seu cese fulminante por parte da Consellaría.
Ningún comentario:
Publicar un comentario