Botando
man de creatividade, e adaptándose a cambios de axenda de última hora, o
primeiro espazo de diálogo que ía virar ao redor dos modelos de
produción alimentarios alternativos á lóxica do capital, acabou tendo un
denominador común inesperado: o de mulleres que se criaron e
desenvolveron a súa actividade cívica e profesional nun mundo moi
masculinizado, como é o agrícola e rural, pero que foron quen de
conquistar espazos de decisión e, co seu labor e exemplo, facilitar a
incorporación doutras mulleres a eidos dos que tradicionalmente
estiveron vedadas. Casos como o de Raquel Ramírez, de Nalda (A Rioxa),
unha pequena vila nas inmediacións de Logroño na que os seus e as súas
habitantes se arrepuxeron á especulación urbanística que pretendía
roubarlles as súas terras e o seu patrimonio; e para iso, crearon hai
vinte anos un movemento de apropiación social do patrimonio artístico e
natural chamado Panal, e unha asociación para o desenvolvemento sostible
en igualdade, Colletero, que botou a andar hai tres lustros. Tamén
Ángeles Ramón, da comarca das Cinco Villas (Zaragoza), labrega dende
cativa nun pobo de colonización creado en 1959, que chegou a ser
responsable da área das mulleres da Unión de Agricultores y Ganaderos de
Aragón (Uaga). E o caso de Josefa Martín, que foi testemuña de como o
seu pobo na Serra de Francia (Salamanca) pasaba de 800 a 300 habitantes,
ou a escola de 150 a 5 alumnos, decadencia xurdida da sangría da
emigración que combateron con iniciativas como a creación dunha
cooperativa vitivinícola da que ela foi presidenta durante quince anos.
Ou a nosa Henar Román, presidenta dende o ano 2003 da comunidade de
montes de Labrada (Abadín), que viviu a decisión de asociarse da
veciñanza en cooperativa para ter máis forza como produtores e
produtoras de leite e carne, e tiveron que enfrontarse á usurpación das
súas terras por empresas mineiras como Icemarga, por eléctricas ás que
lles adxudicaron os montes comunais para instalar parques eólicos, ou
pola propia administración que, nos anos 80, pretendeu cercar as 700
hectáreas da Fraga Vella.
O exemplo vital destas mulleres deu paso a un diálogo enriquecedor coas persoas asistentes até o remate da primeira xornada, que había concluír como empezou: con poesía. Se as persoas que se encargaron de inaugurar botaron man de cantores e poetas á hora de intervir -Antonio Villarino recitou Sementeira de Fuxan os Ventos, Orlando González citou a Daniel Viglietti, Isabel Vilalba a Marilar Aleixandre e Marimar Martínez a Rafael de Dios; ao remate, Manuel Regal leu un emotivo texto que rememoraba o legado dos nosos devanceiros relacionándoo co carballo de Luxís, ao tempo que a luminosidade do Mediterráneo se achegaba a terras mindonienses grazas á creatividade lírica de Tomás de los Santos e aos exquisitos arranxos guitarreiros de Borja Penalba, que constitúen un feraz dúo de cantautores vido dende Valencia.
Tomando o fío do día anterior, o sábado 25 de outubro comezou a xornada cun espazo construído polas mulleres consistente nun diálogo aberto que se iniciou coas voces de labregas como Dora Cabaleiro (Vilar de Ernes, Navía de Suarna), Cristina Sancho (Amayuelas de Abajo, Palencia), Ester Latorre (Cinco Villas, Zaragoza); ou a almeriense Inmaculada Idáñez, que ademais é responsable da Área da Muller de COAG e presidenta de CERES; e a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba.
Neste espazo de debate xurdiron cuestións de actualidade, como a hipocrisía dunhas institucións que din loitar contra a violencia machista ou contra o sexismo pero que, sen embargo, permiten publicidade, filmes ou videoxogos ao alcance da rapazada e de adolescentes que promoven esa mesma violencia contra as mulleres que din combater, potenciando e consolidando roles e valores que deberían proscribirse. Máis centrada na loita das propias labregas como profesionais foi a problemática da Lei de Titularidade Compartida que, a pesares de ter sido promulgada hai cinco anos coa intención de que se acollesen a ela unhas 100.000 mulleres en todo o Estado, a día de hoxe só se deron de alta 101 (12 na Galiza). Inmaculada Idáñez explicou que a lei, dende o seu nacemento, bateu cunha sociedade demasiado masculinizada e cunha profesión, a agraria, cuxos ingresos, decotío, non permiten que haxa máis dunha cotización por familia; de ambos factores xorde unha realidade na que, o habitual é que sexa o home o que cotice e fique a muller nun segundo plano sen cotización nin dereitos laborais, invisibilizada a pesares de facer o mesmo traballo que o seu cónxuxe. Tamén chamou a atención o exemplo do propio Sindicato Labrego Galego como organización agraria, pioneiro á hora de obrigar estatutariamente a que haxa paridade en tódolos seus órganos decisorios e executivos.
Denuncias e reivindicacións a través do teatro
A mañá rematou co encontro da mocidade, que expuxo o esencial das súas demandas e problemáticas a través dunha representación teatral a través da cal denunciaron as realidades coas que deben enfrontarse no seu día a día, como a falla de financiamento, unha Política Agraria Común que beneficia maioritariamente a xente maior de 50 anos, a miríade de atrancos burocráticos cando se queren desenvolver proxectos agrogandeiros alternativos ao oficial, etcétera. Esta parte do Foro foi a que propiciou unha maior participación das persoas asistentes, que achegaron experiencias reais dende tódolos puntos da xeografía do Estado que demostran que unha agricultura alternativa e moza baseada na agroecoloxía non só é posible, senón que é viable, e constitúe a única vía se realmente queremos un mundo rural vivo con futuro, emprego, rapazada e xente moza.
Xa pola tarde, os e as participantes afondaron en cuestións que, sen dúbida, ocuparán un espazo central na axenda de traballo das organizacións da Plataforma Rural e do Sindicato Labrego Galego, como o Acordo Transatlántico de Libre Comercio, a Lei Montoro e a compra pública de alimentos, o problema de acceso á terra ou os métodos de traballo e mobilización das propias organizacións sociais. Ao remate do día, o IX Foro por un Mundo Rural Vivo confluíu co Encontro Internacional de Comités de Apoio aos Sem Terra do Brasil e celebrouse unha cea cun alto valor simbólico, ao facerse con alimentos producidos e traídos pola propia xente. Dende este punto de vista, cómpre salientar que os produtos utilizados polas cociñas do Seminario de Mondoñedo durante este Foro están a ser todos procedentes de explotacións labregas do país e da pesca artesanal.
Hoxe, mercado de produtos labregos en Mondoñedo
O IX Foro por un Mundo Rural Vivo chegará hoxe [domingo] á súa conclusión cos acordos que fixarán a axenda común para os dous vindeiros anos de tódolos colectivos e organizacións que formamos parte da Plataforma Rural. Tamén se convocará o seguinte Foro, que será no País Valenciá.
Finalmente, o IX Foro por un Mundo Rural Vivo levará a súa clausura ás rúas de Mondoñedo. Desta maneira, ás 11:30 leranse publicamente na praza do Concello os compromisos acadados polo foro para, de seguido, celebrar un mercado de produtos labregos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario