Os tres españois máis adiñeirados duplican en riqueza aos nove millóns
de persoas que forman o 20 da poboación máis pobre do país, segundo un
informe da ONG Oxfam.
O estudo Iguais. Acabemos coa desigualdade extrema. É hora de cambiar as regras
detalla que as vinte persoas máis ricas en España posúen unha fortuna
similar aos ingresos do 30 por cento máis pobre da poboación (case 14
millóns de persoas).
No último ano, as vinte maiores fortunas españolas aumentaron a súa riqueza en 15.450 millóns de dólares, destaca Oxfam.
No seu conxunto, as vinte persoas máis ricas en España alcanzaron en marzo deste ano unha riqueza de 115.400 millóns de dólares.
No informe, que hoxe se difunde en máis de cincuenta países, advírtese
de que o incremento da desigualdade podería causar un retroceso de
décadas na loita contra a pobreza.
Mentres o número de ''milmillonarios" con fortunas de máis de 1.000
millóns de dólares duplicouse no mundo desde que se desencadeou a crise
en 2008, as desigualdades disparáronse, destaca Oxfam.
O documento mostra a magnitude do problema da desigualdade económica
extrema e revela os múltiples perigos que representa para os cidadáns de
todo o mundo.
Os dous motores principais que alimentaron o incremento da desigualdade
son o fundamentalismo de mercado e a captura do poder político polas
elites, que xeran leis feitas á medida dos intereses duns poucos, sinala
o informe.
"A crecente desigualdade non é froito do azar, senón o resultado de
políticas concretas que desequilibraron a balanza e permitiron a uns
poucos obter beneficios que se incrementan día a día, mentres a maioría
das persoas perde dereitos, poder e oportunidades para prosperar",
afirma o director xeral de Oxfam Intermón en España, José María Vera.
Estes altos niveis de desigualdade xeran "sociedades duais e pouco cohesionadas", engade.
España ten que deixar de ser o segundo país máis desigual da Unión
Europea, apunta Vera, quen reclama políticas redistributivas para
reducir a desigualdade.
Entre outras medidas, o director xeral de Oxfam Intermón en España
aposta por recadar de forma xusta e progresiva, investir en políticas
públicas para garantir a igualdade de oportunidades, acurtar as escalas
salariais e reducir as brechas entre homes e mulleres.
Para Vera, o Goberno vai na dirección contraria, ao promover unha
reforma fiscal que non servirá para recadar dun xeito máis xusto e ao
presentar uns orzamentos xerais do Estado que non elevan o gasto social.
"A desigualdade extrema é un freo á prosperidade para a maior parte dos
habitantes do planeta", asegura a directora executiva de Oxfam
Internacional, Winnie Byanyima. Agrega que, hoxe en día, "o crecemento
económico só está a beneficiar aos máis ricos, e seguirá sendo así
mentres os Gobernos non actúen para reverter esta dinámica perversa".
Ningún comentario:
Publicar un comentario