Cultura, arte, comunicación, identidade. Desde Vila de Cruces convidan ás equipas de normalización de todo o país a participaren nun concurso de fotografía de tatuaxes en galego ou sobre temática galega. Para levar a lingua a flor de pel.
O obxectivo do concurso de tatuaxes en galego ou sobre temática propia é, para a equipa de normalización do IES Marco do Caballón de Vila de Cruces, visibilizar que tanto a nosa lingua como a nosa identidade fan parte tamén da cultura do tatoo.
A tatuaxe como forma de expresión artística contemporánea ten, segundo a entidade promotora, unha crecente relevancia como se aprecia en exposicións de galerías e libros que mostran un interese en aumento polo tema.
Aclaran, iso si, que a idea non é promover que a xente se tatúe senón coñecer a través das redes sociais e nun proceso de participación colectivo cal é a presenza da nosa lingua e cultura nas expresións que a xente leva marcada na pel.
A presenza da lingua na pel
“A nós, na Galiza do século XXI, interésanos coñecer as tatuaxes da xente que decidiu gravar na súa pel palabras da nosa lingua ou motivos gráficos da nosa cultura”, explican, dun proxecto que quere compor un álbum de fotos dos tattoos galegos.
Convidan, de maneira especial, ás Equipas de Normalización dos centros de ensino de Galiza que poden participar en dúas categorías, “Palabras Tatuadas”, con expresións escritas en galego, e “Galiza, a flor de pel”, fotografías de tatuaxes con temática galega, con iconografía ou simboloxía propia. Unha exposición e unha publicación -na rede ou, de poder ser, en papel- porán fin ao proxecto no que se premiará ao autor ou autora das fotografías gañadoras. As fotografías terán que enviarse ao correo electrónico clubedalingua@gmail.com ou ao facebook do Clube da Lingua, (Clubeda Lingua) por mensaxe privada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario